Estás en:Novas

O Plan Único da Deputación activa preto dun millón de euros en obras en Outes

González Formoso destaca "a inxección económica sen precedentes" que o Plan Único supón para que os concellos podan mellorar as súas infraestruturas e servizos.

Hoxe saen a licitación un total de 13 obras, por importe de 953.276,63 euros, entre as que figuran a pavimentación e mellora de numerosos viais municipais

Destacan investimentos de 169.379 euros para a substitución da cuberta e adaptación interior do edificio do CEIP Emilio Navasqües, que se usará como centro social, os 70.000 euros destinados á reforma dos vestiarios do campo de fútbol da localidade e os 90.500 para a dotación dunha sala de actividades na piscina municipal.

O Plan Único da Deputación activa preto dun millón de euros en obras en Outes

O Concello de Outes vén de publicar na Plataforma de Contratación do Estado os anuncios de licitación de trece obras que serán financiadas este ano no municipio polo Plan Único (POS+2018) da Deputación da Coruña.

As obras, que suman un importante investimento de 953.276,63 euros, achegados integramente pola Deputación da Coruña, contribuirán a renovar numerosas infraestruturas municipais e inclúen a limpeza e pavimentación de numerosos núcleos, camiños, pistas e estradas municipais, así como a substitución da cuberta e a adaptación interior do edificio do CEIP Emilio Navasqües, que se usará como centro social municipal, a reforma dos vestiarios do campo de fútbol de Outes, ou a reforma da sala de actividades da piscina municipal, que será acondicionada para o desenvolvemento de actividades deportivas.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou a importancia do Plan Único para os concellos da provincia, especialmente para os máis pequenos, con menos recursos técnicos e económicos.

"O Plan Único permite que concellos como Outes perciban unha inxección económica sen precedentes, neste caso de preto de 1 millón de euros, o que lle vai a permitir renovar numerosas infraestruturas e mellorar a calidade de vida dos veciños", afirmou o presidente provincial.

González Formoso lembrou que o Plan Único conta co maior orzamento dun plan na historia da Deputación (182 millóns de euros no bienio 2017-2018) e permite que sexan os propios concellos, os que mellor coñecen as necesidades dos seus veciños, os que decidan cales son os investimentos que queren acometer con cargo a este plan provincial, o máis ambicioso das catro deputacións galegas.

Os camiños da Penseira (O Freixo), do Karting ao Areal (Entíns), Buiste a Casais (San Ourente), do Vilar ao cemiterio (Outes), de Cruceiro a Formigonado (Tarás) e os accesos a Formigueiro, Viladomonte, Famelga e Broña son algúns dos viais que serán mellorados con fondos do Plan Único, que en só dous anos supoñen un investimento de 1.925.000 euros en Outes e de máis de 22,8 millóns de euros nos concellos da comarca de Barbanza.

Reforma do Emilio Navasqües

Entre as obras do Plan Único destaca a reforma do edificio do antigo CEIP Emilio Navasqües para adaptalo ao seu novo uso como centro social. Será a obra co maior orzamento do POS+, con 169.379,76 euros consignados para demoler a actual cuberta de madeira (que presenta numerosas filtracións de auga) e substituíla por unha nova estrutura metálica, sobre a que se colocará tella cerámica curva.

Os traballos incluirán tamén a aplicación dun revestimento decorativo na fachada, o pintado interior e exterior do inmoble, a substitución da carpintería exterior, que está en mal estado de conservación, por unha nova de aluminio e a adaptación das estancias interiores do inmoble, incluíndo a construción de novos aseos adaptados para o seu uso por persoas con discapacidade física.

1.146 obras e redución de 9,5 millóns de débeda

Nos seus dous anos de vida, o novo Plan Único (POS+2017 e POS+2018) da Deputación da Coruña financia a execución de 1.146 obras de construción ou mellora de infraestruturas públicas nos 93 concellos da provincia da Coruña, contribúe a costear servizos públicos básicos como o alumeado, mantemento de viais ou a recollida de lixo, e favorece que os concellos amorticen máis de 9,5 millóns de euros da súa débeda con entidades bancarias.

O Plan Único baséase a tres principios fundamentais: máis transparencia e obxectividade na asignación de recursos, porque o reparto de fondos non se efectúa de xeito discrecional, senón que se basea en criterios obxectivos empregados dende hai máis de dúas décadas no POS (poboación, superficie, número de parroquias e esforzo fiscal) que xeran un consenso importante entre os concellos; máis autonomía local, porque son os propios concellos, os que mellor coñecen as necesidades dos seus veciños, os que deciden cales son as súas prioridades á hora de investir os fondos que achega a Deputación; e máis saneamento financeiro, porque o plan conta con mecanismos para que os concellos podan destinar parte dos fondos a pagar facturas pendentes, reducir a súa débeda ou financiar parte do seu gasto corrente.

Páxinas suxeridas