Estás en:Novas

A Deputación convoca un concurso de pintura mural contra a violencia machista

A área de Igualdade conta con que máis de 6.000 persoas participen no programa "Quen dixo medo?"

A Deputación convoca un concurso de pintura mural contra a violencia machista

A Deputación da Coruña convoca, dentro do programa "Quen dixo medo?" da área de Igualdade, un concurso de pintura mural para sensibilizar contra a violencia de xénero. O prazo para presentarse remata o vindeiro 24 de novembro. A Deputación estima que máis de 6.000 persoas participen no programa que está a promover en corenta concellos de menos de 20.000 habitantes.

Con motivo da conmemoración do Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres o vindeiro día 25 de novembro, a área de Igualdade da Deputación da Coruña convoca o concurso "Pintura mural QDM?", unha iniciativa encamiñada a sensibilizar á sociedade sobre a necesidade de actuar contra a violencia machista.

O obxectivo da iniciativa é conseguir que a pintura mural cree espazos de reflexión públicos con imaxes que conviden a activar a loita pola igualdade e contra a dominación machista.

Establécense dúas categorías de participación, a primeira para persoas adultas, maiores de 18 anos e outra de entre 5 e 17 anos, de maneira individual ou grupos de até 4 persoas e pertencentes aos concellos que participan na campaña "Quen dixo medo?".

As persoas participantes enviarán un bosquexo que será enviado en formato PDF, tamaño DIN A4, a cor cun pequeno texto en que se explicarán as motivacións para a realización do deseño e a súa relación co tema do concurso, así como as condicións técnicas para a súa realización. O mural gañador realizarase no concello das persoas que presenten o proxecto e, de non ser posible, buscarase un lugar alternativo. O prazo de admisión de propostas permanece aberto até o vindeiro 24 de novembro e os traballos enviaranse a través de correo electrónico ao enderezo info@quendixomedo.gal

"Facer visíbel e concienciar sobre a violencia machista é un dos obxectivos principais da área de Igualdade da Deputación da Coruña que quere, de maneira especial, traballar coa infancia e a mocidade como maneira de construírmos unha sociedade máis igualitaria e sen discriminación", explica a deputada de Igualdade e Servizos Sociais, Ánxela Franco que anima a participar no concurso e nas distintas iniciativas que a Deputación da Coruña proporá de cara o 25 de novembro.

Os concellos que participan na campaña "Quen dixo medo?" da Deputación da Coruña son Cariño, Dumbría, Ortigueira, A Pobra, Porto do Son, Boiro, Noia, Rianxo, Muros, Betanzos, Carnota, Curtis, As Pontes, Miño, Pontedeume, Malpica, Ordes, Ponteceso, Cerceda, Cedeira, Vimianzo, San Sadurniño, Zas, Fene, Negreira, Brión, A Baña, Teo, Sada, Val do Dubra, Carral, Santa Comba, Abegondo, Melide, Padrón, Toques, Cee, Arzúa, Muxía e Tour.

A campaña contra a violencia de xénero da Deputación da Coruña chegou na súa primeira etapa que rematou en xuño do pasado ano a máis de 3.000 persoas e prevese que superen as 6.000 no remate do programa que se compón de sesións informativas, charlas e obradoiros para concienciar e sensibilizar á sociedade sobre a violencia machista e están deseñadas de maneira especial para as etapas infantil e xuvenil aínda que tamén inclúen iniciativas para a poboación adulta.

Contacontos e obradoiros de manualidades destinados ao alumnado de educación infantil, as sesións coeducativas "Sen violencia, sen medo" para as nenas e nenos de educación Primaria, ou as charlas "Nas TIC mandas ti" e "Escoita o meu son" para as mozas e mozos en idade adolescente, son ferramentas que o programa emprega para detectar comportamentos estereotipados e distintos modos de violencia como o acoso nas redes sociais, violencia psicolóxica, bullying, etc...- e que se suman a outras accións para a poboación adulta.

Máis información na web www.quendixomedo.gal

Páxinas suxeridas