Estás en:Novas

Cinco bandas compiten na final do VII Concurso de Rock "Deputación da Coruña"

True Mountains da Coruña, Sandford Music Factory da Capela, Biribirlocke de Santiago de Compostela, Strikeback de Cambre e Pölisong de Mugardos son as cinco bandas finalistas da VII edición do Concurso de Rock “Deputación da Coruña”. A fase final do concurso terá lugar o vindeiro 23 de outubro cun concerto na sala O Túnel do Coliseum da Coruña.

Cinco bandas compiten na final do VII Concurso de Rock

Cincuenta e catro grupos musicais de quince concellos presentáronse a esta nova edición do Concurso de Rock promovido pola institución provincial coruñesa. Un xurado composto por Fernando Sampedro, Fernando Molezún e Nonito Pereira e presidido polo deputado responsable da área de Cultura, Turismo e Patrimonio Histórico-Artístico, Xosé Regueira -que non fixo uso do dereito ao voto- foi o encargado de seleccionar aos cinco grupos que pasan á fase final do certame.

As cinco bandas finalistas participarán no concerto-audición que terá lugar o vindeiro 23 de outubro na sala O Túnel do Coliseum da Coruña, tras o que se darán a coñecer aos gañadores. A primeira clasificada recibirá un premio de 3.000 €, a segunda e a terceira de 1.500 € e a cuarta e a quinta de 1.000 €.

Ruta 77, Familia Caamagno, Púlsar, Sweet Oblivion, Jacobo Paz e Trapos Sucios son os grupos gañadores das anteriores edicións do certame.

Páxinas suxeridas