Estás en:Novas

O Quero Cantar chega a súa final con María Fumaça e seis bandas das que sairán as dúas gañadoras

A gala será o sábado ás 18 horas no Teatro Colón con entrada é libre até completar a capacidade

O Quero Cantar chega a súa final con María Fumaça e seis bandas das que sairán as dúas gañadoras

O sábado á tarde coñeceranse os nomes das novas bandas gañadoras do concurso Quero Cantar da Deputación da Coruña. Será nunha gala que se celebrará desde as 18:00 horas no Teatro Colón da Coruña e contará coa actuación de María Fumaça como grupo convidado. A entrada é libre até completar a capacidade e pódese recoller na billeteira da Praza de Ourense e do Teatro Colón.

Un xurado formado por nenos e nenas escollerá este sábado a partir das 18:00 as mellores cancións da terceira edición do Certame de música infantil e xuvenil Quero Cantar que tomarán o relevo das existosas "Son muller" de Máis boas cás patacas e "Quero xogar" de "Os nenos da vella".

A festa, con entrada libre ata completar a capacidade, conta ademais coa presenza do grupo Maria Fumaça, á fronte do cal está a coñecida voz de Uxía. Esta formación será a encargada de poñer as primeiras notas a unha tarde que se promete chea de emocións, boa música e ritmo diversos que van do tradicional galego ao pop e o rock and roll máis clásico.

Tras repasar algúns dos seus temas máis coñecidos, María Fumaça cederalle a quenda ás bandas concursantes. Primeiramente actuarán as tres infantís, comezando polos ourensáns Cortegadaos co tema Eu quero ser unha árbore; seguirán As fantásticas, de Fisterra, que interpretarán o seu Blues do faro e rematarán esta quenda infantil os teenses Calistos, coa canción titulada A princesa azul.

A seguir entrarán en escena a banda xuvenil Enxebres, de Vila de Cruces, co tema Sempre combativa; a solista Noa, tamén de Vila de Cruces, con Agora son eu, e finalizarán os pontevedreses Pequenos Besbellos con Faite respectar.

Tras rematar as intervencións dos participantes, Maria Fumaça volverán a escena para seguir facendo bailar ao público mentres o xurado delibera e decide a posición de cada unha das cancións que concursan.

Todos os grupos finalistas teñen xa asegurado un premio, que pode ser de 1500 euros e máis un videoclip para as primeiras clasificadas de cada categoría, 1000 euros para as segundas e 500 euros para as terceiras.As seis bandas chegan a esta final logo de se someteren ao veredicto dun primeiro xurado formado por músicas e músicos profesionais

Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación e responsable da área de Cultura, organizadora do certame, quere salientar o traballo que hai detrás de todas estas cancións, tamén dos que non chegaron a esta final "o nivel este ano foi altísimo. Debemos ter en conta ademais que non estamos ante un concurso de interpretación. As cancións que se presentan non son versións de temas coñecidos senón pezas con letra e música composta pola propia rapazada coa axuda do seu profesorado. Iso esixe un notable esforzo e por iso estamos moi contentas cos resultados".

Os convites para o evento poden recollerse anticipadamente na billeteira da praza de Ourense, na Coruña, ou unha hora antes do inicio do evento na billeteira do propio teatro Colón.

Páxinas suxeridas