Estás en:Novas

A Deputación da Coruña elabora un mapa interactivo de financiamento europeo na provincia

González Formoso afirma que o mapa "é unha radiografía da captación de fondos europeos que se está facendo na provincia da Coruña" na que se rexistran 530 proxectos de doce programas da UE

Os cidadáns poden consultar, concello a concello, os programas europeos que se desenvolven no territorio coruñés

Europa cos cidadáns e Erasmus+, os programas da UE máis estendidos na provincia

A Deputación da Coruña elabora un mapa interactivo de financiamento europeo na provincia

A Deputación da Coruña, a través do servizo Europe Direct, centro oficial de información da Comisión Europea dependente desta institución provincial, vén de presentar o Mapa de financiamento europeo na provincia da Coruña, unha ferramenta dixital que informa dos diferentes programas e instrumentos financeiros implementados na provincia e a participación dos diferentes axentes en cada un deles.

O obxectivo desta ferramenta, nun momento en que estamos a asistir á negociación do próximo orzamento da Unión Europea para o período 2021/2027, é valorar a participación que a provincia está a ter no vixente marco orzamentario 2014/2020.

"O mapa é unha radiografía da captación de fondos europeos que se está facendo na provincia da Coruña. Actualmente, están representados 530 proxectos dun total de doce programas", afirmou o presidente da institución provincial, Valentín González Formoso, que detallou que a ferramenta ofrece tamén información sobre cales son os axentes máis activos nos diferentes programas europeos: concellos, centros educativos, peme, asociacións, ONG, axencias, organismos públicos ou fundacións.

Este mapa desenvolverase en dúas fases. Nesta primeira fase, o mapa compila información relativa a oito programas europeos de xestión directa por parte da Comisión Europea (Europa cos cidadáns, LIFE, Erasmus +, Horizonte 2020, Conectar Europa, Programa PEME, Europa Creativa, Xustiza), así como ao catro programas de Cooperación Territorial Europea, financiados con FEDER, nos que poden participar entidades da provincia (Interreg Espazo Atlántico, Interreg Europe, Interreg España-Portugal, Interreg SUDOE).

Europa cos cidadáns e Erasmus+, os programas máis estendidos na provincia

O programa europeo que conta cunha maior participación por parte dos concellos é Europa cos cidadáns, con 29 proxectos dos 30 totais que até o momento lograron a aprobación da Comisión Europea neste período orzamentario.

Erasmus +, o programa europeo para educación e mocidade, figura a continuación coa participación de concellos coruñeses en 21 proxectos, que supoñen un total de case medio millón de euros. En total, os 310 proxectos Erasmus + aprobados na provincia supoñen un financiamento europeo de máis de 21 millóns de euros.

Sen tomar en conta ao tres concellos con maior poboación, os concellos que están a ser máis participativos neste período orzamentario nos programas europeos mencionados son A Baña, Curtis e Abegondo.

O mapa, aberto ao público, pódese consultar na web da Deputación:

https://www.dacoruna.gal/europedirect/europe-direct-coruna/agenda/2018/mapa-de-financiacion-de-la-union-europea-en-coruna/

 

Páxinas suxeridas