Estás en:Novas

A Deputación da Coruña apoia o desenvolvemento de dezanove proxectos culturais singulares

A nova liña de subvencións fai realidade case vinte iniciativas de promoción e difusión cultural

A Deputación da Coruña apoia o desenvolvemento de dezanove proxectos culturais singulares

Unha proposta integral para visibilizar as mulleres na historia, un festival arredor do mar, un repositorio documental, unha iniciativa que une a cultura galega e catalá da "arroutada á rauxa", unha plataforma de performance, unha orquestra de malabares ou unha revista dixital son algúns dos proxectos que a área de Cultura da Deputación apoia a través dunha nova liña de subvencións.

"Queriamos apoiar proxectos singulares, axudar a que iniciativas culturais de especial valor social, patriomonial ou creativo puidesen levarse a cabo", anota a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei, dunha iniciativa novidosa que completa o mapa de liñas de subvención en concorrencia competitiva incluíndo, por vez primeira a posibilidade de apoiar propostas presentadas por entidades lucrativas.

En total, a resolución que o Boletín Oficial da Provincia publica este luns 19 de novembro achega un total de 221.599 € para o desenvolvemento de 19 proxectos do ámbito da cultura. "Son propostas que abordan desde a cultura contidos de carácter social, medioambiental, patrimonial ou comunitario e que teñen valor na construción dunha sociedade máis igualitaria e xusta ademais de beneficiar, dunha maneira ou outra, o ben común", explica Goretti Sanmartín.

Entre as propostas que se apoian a través da nova liña de subvención atópanse algunhas de especial relevancia no ámbito da loita pola igualdade como o espectáculo de teatro social e música para educar en perspectiva de xénero de Amarelas Producións ou a titulada "Elas presentes" coa que Berrobambán propón unha iniciativa integral para traballar a invisibilidade das mulleres ao longo da historia na ciencia e nas artes. Ademais, inclúese neste ámbito a película de Roberto Rodríguez, "As tres caídas de María Santiso" que nos achega á problemática das mulleres rurais galegas.

Outro ámbito de actuación dos proxectos que reciben apoio da nova liña da Deputación da Coruña é a propia difusión da cultura con iniciativas novidosas como a revista de contidos dixitais "Vinte", promovida por María Yáñez ou "De corpos presentes", a nova plataforma que defende Sabela Mendoza con idea de investigar, producir e difundir as artes performativas contemporáneas.

No catálogo de proxectos hai algúns especialmente singulares como a iniciativa que vincula a cultura galega e catalá a través da "arroutada á rauxa" de Maos Innovación Social, a historia sobre o caruncho do centeo en longametraxe que presentaron Illa Bufarda, o Proxecto é-baile de Noente Paradise ou o Festival Mar de Mares que quere recuperar a conexión do mar coa cidade da Coruña.

 

 

 

Entidade

Obxeto

Concedido

7H SOCIEDADE COOP GALEGA

Mutacións Urbanas, visibilizando o invisible.

10.230,00

AMARELAS PRODUCIONS, S.L.

LIBERTO. Espectáculo de teatro social e

 música para educar en perspectiva de xénero á mocidade

18.000,00

ANTAXURADA, S.L.

Tesouros vivos

5.822,60

ARTEDARDO, S.L.

Que fai un creador no meu barrio?

Proxecto de artes comunitarias e prácticas colaborativas

12.000,00

BERROBAMBAN, S.L.

ELAS PRESENTES

 Proposta integral para traballar a invisibilidade de muller ao longo da historia

18.000,00

CREARTE SERVIZOS CULTURAIS, S.L.

Festival Mar de Mares 2018

20.000,00

ESNATU ZINEMA, S.L.

Longametraxe de ficción titulado "Arima"

8.000,00

FILMIKA GALAIKA, S.L.

Proxecto Todo é cárcere

12.000,00

I.G.DOCUMENTACION, S.L.

"De Mudanza, a historia das persoas"

Cine & Investigación: longametraxe e repositorio documental,

11.872,00

ILLA BUFARDA, S.C.

Guión da longametraxe documental "O dentón"

Unha historia sobre o caruncho do centeo

6.758,40

MAOS INNOVACION SOCIAL, SOC COOP GALEGA

Iniciativa Galiza-Catalunya, da arroutada á rauxa

7.066,40

MENDOZA FERNANDEZ, SABELA

 "De corpos presentes"

Plataforma cultural das artes performativas

5.835,00

MUSIC ARTE REY SAAVEDRA, S.C.

MIP MUSICA INCLUSIVA E PARTICIPATIVA

11.375,00

NOENTE PARADISE, S.L.

Proxecto é-balle

16.640,00

PISTA CATRO PRODUCTORA DE SOÑOS, S.L.

Proxecto Orquestra de Malabares 4x4 Coruña

8.000,00

RODRIGUEZ ALVITE, ROBERTO

As tres caídas de María Santiso

Un proxecto polo binomio muller-rural en Galicia

10.000,00

SOCIALDOCS, S.L.

PROXECTO «De Maior Creativ@- Deputación da Coruña¿»

10.000,00

VILLAVERDE CARRERA, LAURA

Proxecto Ursúas

14.000,00

YAÑEZ ANLLO, MARIA

VINTE 2018. Contidos dixitais para o lanzamento da revista VINTE

16.000,00

 

 

 

 

TOTAL:

221.599,40

Páxinas suxeridas