Estás en:Novas

A Deputación aproba un orzamento de 183,6 millóns de euros co Plan Único como principal programa de investimentos

O orzamento sobe un 2,6% e seguirá tendo a creación de emprego entre as súas prioridades

Entre as áreas nas que máis se incrementa o orzamento, destacan Emprego e Promoción Económica (32%), Cultura e Deportes (10,7%), Acción Social (8,7%) e Vías e Obras (7,5%)

A Deputación aproba un orzamento de 183,6 millóns de euros co Plan Único como principal programa de investimentos

O pleno da Deputación da Coruña, aprobou hoxe, cos votos favorables do PSdeG-PSOE, BNG, Marea Atlántica, Compostela Aberta e Alternativa dos Veciños e o voto en contra do Partido Popular, o orzamento da institución provincial para o exercicio 2019, que ascende a 183.609.300 de euros. Isto supón un incremento de 4,65 millóns de euros, un 2,60% máis que no presente exercicio.

Un ano máis, todos os investimentos e plans da Deputación financiaranse con recursos propios, sen apelación ao crédito, polo que se manterá a situación de "débeda cero" que caracteriza a xestión económica da institución provincial durante este mandato.

O deputado responsable da área de Economía e Facenda, Antonio Leira, foi o encargado de explicar ante o pleno o proxecto do Orzamentos do goberno provincial, que terá como principal programa de investimentos o Plan Único (POS+2019), dotado cun orzamento inicial de 61,5 millóns de euros (44,7 millóns consignados no orzamento e 16,8 millóns xa aprobados nun expediente de modificación de créditos no pleno do pasado mes de setembro ), unha cantidade que representa un terzo do total do orzamento aprobado hoxe. Esta cifra, ao igual que nos anos anteriores, irá incrementándose progresivamente ao longo do exercicio coa incorporación de remanentes.

Antonio Leira explicou que este plan supón "un novo modelo de cooperación cos concellos", que distribúe os fondos en base a criterios obxectivos e da resposta ás necesidades concretas de cada municipio. "Co Plan Único, este Goberno parte dunha premisa fundamental: a autonomía municipal", afirmou Leira, que incidiu na importancia de que sexan os propios concellos os que decidan en que invisten os fondos que lles achega a Deputación.

Soben as partidas de Emprego, Acción Social, Cultura e Deportes

Segundo explicou o deputado de Economía, a área que máis incrementa o seu peso nos orzamentos da Deputación para o 2019, é a área de Promoción Económica e Emprego, que estará dotada con preto de 20,5 millóns de euros, un 32,5% máis que o exercicio anterior.

Unha suba que amosa a aposta do goberno provincial pola creación de emprego, pois dentro desta área figuran programas estratéxicos coma o Plan de Emprego Local (PEL), que sobe un 25%, pasando de 7,8 a 9,8 millóns de euros en 2019.

Nos seus primeiros dous anos de actividade, o PEL axudou a máis de 2.500 persoas a atopar un emprego ou pór en marcha unha idea de negocio a través das súas diferentes liñas de apoio para concellos, pequenas empresas e emprendedores, que volverán a convocarse en 2019.

Dentro da área de Promoción Económica inclúense tamén as diferentes liñas de axudas ao sector primario (gandería, agricultura e pesca) ou a achega de 3,5 millóns da Deputación para financiar o Consorcio Provincial Contraincendios.

Cultura e Deportes, con 15,1 millóns consignados (un 10,76% máis); Acción Social, con 11,8 millóns (+ 8,7%) e Vías e Obras, con 18,8 millóns (+7,5%) experimentan tamén importantes subas no orzamento de 2019. Baixan as áreas de Medio Ambiente, que pasa de 5,3 a 3,6 millóns (-32%), e Xestión de Plans (-10,6%) ou Asistencia Técnica (-3%).

Programas de mobilidade sostible

Na área de Vías e Obras destacan os 17 millóns de euros consignados para aos Plans de Investimento e Conservación en vías provinciais e á construción de novas travesías e sendas peonís na rede provincial de estradas.

A Deputación da Coruña segue traballando ademais noutros programas estratéxicos de mobilidade sostible que suporán un investimento de preto de 11 millóns para a creación de 128 quilómetros de vías ciclistas como a Rede Ciclista Metropolitana da Coruña ou a Vía Verde Santiago-Cerceda.

A Deputación da Coruña manterá conxeladas as tarifas das taxas e prezos públicos en 2019. O goberno provincial incrementou neste mandato do 90 ao 98% a porcentaxe da entrega a conta aos concellos que teñen delegada na Deputación a recadación dos seus tributos, o que supuxo adiantar, mes a mes, aos concellos coruñeses un total de 157,9 millóns de euros da recadación dos seus impostos, mellorando de forma notable a liquidez dos municipios coruñeses e as súas posibilidades de atender as obrigas económicas e reducir o período medio de pago a provedores.

Debate

No debate, o representante de Alternativa de Veciños, Ángel García Seoane, anunciou o seu voto a favor dos orzamentos, destacou o incremento dos programas destinados a atención ao rural, emprego e acción social e demandou un maior esforzo para mellorar a rede provincial de estradas.

Pola súa parte, Manuel Dios, de Compostela Aberta, valorou positivamente o "balance equilibrado e sen endebedamento" dos orzamentos, aínda que demandou un Plan de grandes cidades "dada a singularidade desta provincia, que conta con tres urbes importantes. O voceiro de CA lembrou tamén algunhas demandas do seu grupo como a mellora das estradas de Figueiras e Roxos-Villestro.

Parabenizándose pola sinatura do protocolo do acordo asinado esta mañá entre o Concello da Coruña e a Deputación para o financiamento de diversas cuestións de carácter metropolitano "do que se vai beneficiar toda a área coruñesa", comezou a súa intervención o deputado de Marea Atlántica, Daniel Díaz Grandío, que despois de facer público o seu voto a favor dos orzamentos, coincidiu tamén na necesidade de crear un plan de grandes cidades, xa que "o Plan Único non cubre todas as necesidades das urbes" e "as cidades prestan servizos que van máis alá dos seus límites".

O voceiro do BNG, Xosé Regueira, defendeu o Plan Único comparándoo co plan do anterior goberno provincial, o DTC. "Os concellos da provincia reciben agora o dobre de fondos, porque o plan do PP priorizaba o investimento nas cidades", afirmou o voceiro nacionalista, que defendeu que a misión principal da Deputación é apoiar aos pequenos municipios, con menos recursos técnicos e económicos.

O voceiro do PSdeG-PSOE, Bernardo Fernández subliñou "un dato incontestable, que é que os concellos reciben hoxe 144 millóns de euros máis que co PP. O Plan Único duplica e nalgún caso triplica o investimento nos concellos e faino ademais cun reparto obxectivo, sen ter en conta a cor política", afirmou.

"Non é que non estean de acordo coas cantidades, é que non están de acordo co reparto obxectivo de fondos", afirmou o voceiro socialista, que preguntou ao voceiro do PP Agustín Hernández como repartía os fondos cando era conselleiro porque programas como o Urban adxudicáronse practicamente en exclusiva a concellos do PP "con axudas sen concorrencia que rematan aos cinco minutos de abrirse o prazo".

Pola súa banda, o portavoz do grupo popular, Agustín Hernández, xustificou o seu voto en contra ante un orzamento "minguante, decepcionante e falto de ambición", criticou que o Plan Único baixe no orzamento con respecto ao ano pasado e considerou que o POS+ "permite que o goberno se poña de perfil" en asuntos de importancia para os concellos.

 

 

ORZAMENTOS 2019

183.609.300 €   (+ 2,60 %)

 

PRINCIPAIS PARTIDAS DE GASTOS

 

 

ÁREA

2018

 2019

 Diferenza %

 

Emprego e P. Económica

 

15.472.487

 

20.498.268

 

32,48

 

Cultura e Deportes

 

13.715.150

 

15.190.900

 

10,76

 

Acción Social

 

10.914.534

 

11.864.534

 

8,70

 

Vías e Obras

 

17.527.150

 

18.840.150

 

7,49

 

Persoal

 

41.711.644

 

44.275.739

 

6,15

 

Patrimonio e Contratación

 

5.033.102

 

5.457.496

 

8,43

 

Xestión de Plans (*)

 

50.000.000

 

44.700.000

 

- 10,60

 

Arquitectura

 

4.239.890

 

4.005.470

 

-5.53

 

Medio Ambiente

 

5.306.606

 

3.607.400

 

- 32,02

 

Administración electrónica

 

3.450.407

 

3.349.697

 

- 2,92

 

Centros

 

2.062.028

 

2.141.200

 

3,83

 

(*) Aínda que no orzamento están consignados 44,7 millóns de euros, está partida supleméntase con 16,8 millóns xa aprobados no pleno do pasado mes de setembro. Así, o Plan Único (POS+ 2019) parte de un orzamento de 61,5 M€  para o vindeiro exercicio.

 

ORZAMENTOS 2019 TARTA reducido.png