Estás en:Novas

González Formoso defende o “investimento histórico” do Plan Único e insta á Xunta a aplicar criterios obxectivos na distribución de fondos

O Goberno provincial estima que o POS+, que investiu nos concellos 90 millóns en 2017 e 92 millóns en 2018, chegará aos 100 millóns o vindeiro ano

O presidente da Deputación e o alcalde da Coruña asinaron un protocolo polo que a institución provincial achegará 1 millón de euros para proxectos de carácter metropolitano centrados no eido social e a mobilidade sostible

González Formoso defende o “investimento histórico” do Plan Único e insta á Xunta a aplicar criterios obxectivos na distribución de fondos

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, defendeu hoxe "o investimento histórico" que supón o Plan Único (POS+) , que en tres anos destinou 243,5 millóns de euros aos concellos coruñeses (182 no bienio 2017-2018 e 61,5 aprobados no pleno de hoxe) e financia actualmente 1.146 obras nos 93 concellos coruñeses.

Preguntado sobre a concentración de alcaldes do PP nas portas da Deputación para denunciar un suposto recorte de fondos do Plan en 2019, o presidente da Deputación afirmou que "a primavera a sangre altera e altera e as eleccións alteran tamén a responsabilidade dalgúns partidos políticos" e sostivo que o POS+, que alcanzou os 90 millóns en 2017 e os 92 millóns en 2018, "vai seguir batendo récords de investimento e chegará aos 100 millóns en 2019".

"Ningún concello da provincia vai recibir menos neste mandato que no mandato anterior", afirmou González Formoso, que retou aos alcaldes a "facer a comparativa" e instou á Xunta de Galicia "a aplicar un sistema de inversión nos concellos con carácter obxectivo e transparente, e non sacando convocatorias sen concorrencia competitiva, que curiosamente se asignan na maioría dos casos aos concellos do PP aos poucos minutos de convocarse".

"Demandamos que a Xunta que aplique un sistema que garanta a transparencia e a igualdade de oportunidades dos concellos, independentemente da súa cor política", afirmou o presidente.

Protocolo co Concello da Coruña

Formoso fixo estas declaracións tras a sinatura dun protocolo co alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, a través do cal a Deputación se compromete a investir 1 millón de euros para cofinanciar diversos proxectos "de ámbito metropolitano relacionados co eido social e da mobilidade sustentable, dous compromisos claros deste goberno provincial", afirmou o presidente da Deputación.

"Levamos colaborando durante catro anos nestes dous ámbitos e en outros campos como o cultural ou o económico. Este é un paso máis nesa colaboración institucional que beneficia á provincia, o entorno metropolitano e á cidade da Coruña", afirmou González Formoso.

Pola súa banda, o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, manifestou que a sinatura deste protocolo refrenda a vontade metropolitana do executivo municipal. "Os límites administrativos non son exactos cando falamos de investimentos", sostivo.

Coa colaboración económica da Deputación, o Concello da Coruña acometerá proxectos como a remodelación do cruce entre as rúas Ramón y Cajal e a Avenida do Exército, no que se construirá unha glorieta para garantir unha mellor regulación do tráfico, permitindo tamén a conexión coa Rede Ciclista Metropolitana, que a Deputación está a financiar nos municipios da Coruña, Oleiros, Cambre, Culleredo e Arteixo; a reforma do Centro de Orientación Familiar (COF) de Orillamar, o mantemento da rede de acollemento para mulleres vítimas de violencia de xénero, a redacción dun plan metropolitano de residuos e o programa de canguraxe "Concilia os teus tempos".

Páxinas suxeridas