Estás en:Novas

A xornada Malas Linguas céntrase no "trauma colectivo" que freou a transmisión da lingua nos últimos cincuenta anos

A Deputación da Coruña promove un debate para reinterpretar a historia do "lingüicidio" nunha xornada que reunirá tamén o persoal dos Servizos de Normalización Lingüística dos concellos

A xornada Malas Linguas céntrase no

O programa Malas linguas: activando falantes para o século XXI, organizadas pola Deputación da Coruña, celebra a segunda das sesións arredor Lingua e memoria: Transmisión familiar da lingua. O encontro terá lugar o vindeiro 29 de novembro na sede da Deputación da Coruña e o programa incluirá un encontro do persoal dos Servizos de Normalización Lingüística dos Concellos.

Indagar na relación entre a represión política e o abandono da lingua; ofrecer un punto de partida para entender o trauma asociado á lingua propia e dotar de ferramentas ás persoas que traballan en normalización lingüística, para elaborar políticas públicas que poidan traballar desde a raíz do problema son algúns dos obxectivos desta segunda xornada do programa Malas linguas: activando falantes para o século XXI , organizada pola área de Lingua da Deputación da Coruña que dirixe a tamén vicepresidenta Goretti Sanmartín Rei.

"Despois de que o pasado mes de outubro se desenvolvese a primeira das xornadas, esta segunda afonda nun tema crucial para o proceso de normalización lingüística que é a transmisión xeracional do galego, de vital transcendencia para o futuro da nosa lingua", sinalou Goretti Sanmartín que destacou a necesidade dun debate a fondo sobre o tema de cara a desenvolver políticas lingüísticas máis eficaces.

A xornada abrirase cunha intervención de Goretti Sanmartín tras a que dúas persoas con traxectoria na investigación histórica como Antonio Míguez Macho e Encarna Otero afondarán na historia social da lingua, facendo fincapé no punto de inflexión que supuxo a ditadura, e en concreto a escola do franquismo, na transmisión interxeracional da lingua, que se interrompe de forma violenta a partir dos anos 50.

Nunha segunda mesa, formada pola psicopedagoga Iria García Martínez e o escritor e profesor Marcos Abalde Covelo, analizarase a cuestión do trauma colectivo derivado desa violencia e ese terror exercidos sobre a poboación, que se estendeu e xeralizou a través da escola, obrigatoria para todos os nenos e nenas.

Pola súa banda, a poeta Luz Fandiño e a psiquiatra Iria Veiga compartirán os seus 'Argumentos para o galego', neste caso arredor da súa experiencia na escola e na práctica clínica, respectivamente. A xornada rematará cun espazo colectivo de participación dirixido a persoal técnico de Normalización Lingüística dos concellos da provincia.

Un espazo para debater e proxectar o camiño da normalización

A segunda das xornadas celébrase despois de que no pasado mes de outubro se desenvolvera o primeiro dos encontros no Pazo de Mariñán, centrado no impacto das políticas de normalización galego das últimas décadas. Persoas vinculadas aos servizos de Normalización Lingüística dos concellos, así como do ámbito da docencia, déronse cita para compartir mesas de reflexión, experiencias de vida e un espazo colectivo de participación, nos que se revisou a lexitimidade das políticas de normalización e os argumentarios sobre os que se sustentan.

Un espazo de participación pechou a primeira xornada, no que as persoas asistentes tiveron oportunidade de compartir ideas, experiencias profesionais e propostas para as políticas lingüísticas nun ambiente positivo e participativo, no que se salientou a necesidade de que existan este tipo de encontros e xornadas, que contribúen a mellorar o traballo das administracións.

Tralo segundo encontro, o próximo 29 de novembro, as xornadas Malas linguas continuarán en 2019 ao longo de dúas datas máis, nas que se tratarán os temas Mocidade e transmisión non familiar da lingua (1 de marzo de 2019, Santiago de Compostela) e Lingua e xéneros (12 de abril de 2019, A Coruña).

Máis información e programa completo na web da Deputación da Coruña: www.dacoruna.gal

Páxinas suxeridas