Estás en:Novas

A Deputación e Enxeñeiros Sen Fronteiras constrúen unha rede de abastecemento de auga potable baseada en enerxía solar en El Triunfo (Honduras)

Valentín González Formoso recibiu hoxe en Mariñán a alcaldes de distintos municipios hondureños, que explicaron as importantes repercusións sociais, económicas e medioambientais que ten este proxecto de cooperación internacional cofinanciado pola Deputación

A Deputación e Enxeñeiros Sen Fronteiras constrúen unha rede de abastecemento de auga potable baseada en enerxía solar en El Triunfo (Honduras)

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, reuniuse esta mañá no Pazo de Mariñán cunha delegación de alcaldes e representantes institucionais das comunidades hondureñas de El Fortín e Piedra Parada, na área municipal de El Triunfo (Honduras), onde a institución provincial e Enxeñeiros Sen Fronteiras (ESF) desenvolven dende o ano 2008 un proxecto de instalación dunha rede de abastecemento de auga potable baseada en enerxía solar.

A área onde se está a desenvolver este proxecto sitúase no Golfo de Fonseca, moi preto da fronteira con Nicaragua e carecía, tanto no núcleo urbano coma nas zonas máis rurais, de sistemas axeitados de saneamento e abastecemento de auga. O proxecto englóbase dentro dunha iniciativa máis ambiciosa de xestión da auga impulsada por ESF- en colaboración con varias institucións- que afecta a un total de sete municipios que integran a mancomunidade NASMAR (Amapala, Nacaome, Goascorán, San Lorenzo, Namasigüe, Marcovia e El Triunfo) e afectan a unha poboación total de 209.300 persoas.

Melloras sociais, económicas e medioambientais

Os representantes institucionais dos municipios hondureños agradeceron o apoio da Deputación da Coruña e Enxeñeiros Sen Fronteiras para desenvolver un proxecto e explicaron como contribuíu a mellorar as condicións de vida das persoas na zona, en espacial das mulleres, sobre as que recae fundamentalmente o traballo de carrexar a auga dende fontes e mananciais, xa que só o 33% das vivendas contan con auga potable dentro da casa.

O proxecto tamén permite á poboación acceder a auga de forma barata e sustentable, xa que debido á falta de infraestruturas axeitadas de subministración de electricidade e ao seu alto prezo, optouse por usar a enerxía solar como fonte de enerxía.

A iniciativa inclúe ademais accións para fortalecer as capacidades técnicas da poboación local sobre o deseño, instalación e mantemento de sistemas fotovoltaicos para o bombeo de auga, ademais de apostar por unha importante mellora na sustentabilidade económica e ambiental.