Estás en:Novas

A escritora Dolores Torrano gaña a XXX edición do Premio Torrente Ballester en español da Deputación da Coruña coa novela "La Argentina que Dios quiere"

A escritora, natural de Murcia, reside en Laxe e é profesora no instituto de Baio

O xurado define a novela como "brillante, de ambición literaria e extraordinaria orixinalidade"

A escritora Dolores Torrano gaña a XXX edición do Premio Torrente Ballester en español da Deputación da Coruña coa novela

A novela "La Argentina que Dios quiere", da escritora Dolores Torrano, é a gañadora do XXX edición do Premio Torrente Ballester en español da Deputación da Coruña.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, destacou que o Torrente Ballester, dotado con 25.000 euros e a publicación da obra gañadora, é "un dos premios máis veteranos e prestixiosos da literatura española" e felicitou á gañadora, natural de Murcia pero residente en Laxe dende 2003, por unha obra "excepcional" que o xurado considerou "un soplo de aire fresco" no panorama narrativo actual.

Pola súa banda, a vicepresidenta e responsable da área de Cultura da Deputación, Goretti Sanmartín, sinalou que "a sorpresa do xurado ao descubrir que a autora non era arxentina afonda na afirmación da capacidade literaria de Dolores Torrano. Trátase, sen dúbida, dunha excelente novela que gaña nunha convocatoria especial á que se presentaron case catrocentas obras".

O xurado composto polos escritores Manuel Jabois, Luis Sepúlveda e Isaac Rosa as e as escritoras Fátima Martín e Ana Lema -gañadoras da edición anterior do premio- optaron pola novela da escritora Dolores Torrano entre as 23 finalistas das 396 presentadas. A escritora, de orixe murciana, mais residente en Laxe e profesora no instituto de Baio, gaña o premio coa súa primeira novela e sorprendendo as persoas que forman parte do xurado que crían que a persoa que escribira a obra tiña que ter orixe arxentina polo coñecemento da realidade do país americano.

A novela narra a conexión España-Arxentina

O xurado definiu a novela como "brillante, de grande ambición literaria e extraordinaria orixinalidade e, á vez, embebida na tradición recente da literatura latinoamericana". Segundo o xurado, a obra "recorda o estilo cortazariano. Áxil e de grandes personaxes e supón unha excepcional conexión España-Arxentina, ambientando maxistralmente a realidade de ambos os países".

A novela narra "a historia dunha viaxe que parte do interior profundo das personaxes até o interior profundo da Arxentina, construíndo un retrato da Arxentina do século XXI que fai eco na España dos anos da crise". En canto á técnica literaria, o xurado estimou que a obra "mostra un gran manexo dos diálogos e do rexistro coloquial arxentino, e á vez mostra conflitos personais que son universais".

A autora, Dolores Torrano Vicente (alias Rontano) naceu en 1977 en Murcia, reside en Laxe e é profesora de francés no instituto Maximino Romero de Lema de Baio (Zas).

A novela gañadora do Torrente Ballester é o seu primeiro libro aínda que a autora colaborou con artigos, recensións, poemas e traducións en fanzines, blogs e revistas dixitais como Vulva Estelar, El coloquio de los perros, Mujeres Reseñando e Pikara Magazine, sempre baixo o seudónimo de Lola Schutz.

Participou tamén na "Antología de poesía erótica" do Instituto Iberoamericano de Estudios Atlánticos e gañou o premio de narrativa Camilo José Cela, do Concello de Padrón, polo relato "Las ubres de la noche" e está traballando na compilación dunhas traducións do cantante francés Dominique A.

Páxinas suxeridas