Estás en:Novas

As xornadas Malas linguas da Deputación analizarán este xoves a fenda que a ditadura abriu na transmisión interxeracional do galego

Persoal técnico dos Servizos de Normalización dos concellos da Coruña afondará na memoria e a historia social da lingua, neste encontro no Pazo provincial

As xornadas Malas linguas da Deputación analizarán este xoves a fenda que a ditadura abriu na transmisión interxeracional do galego

O segundo encontro das xornadas Malas linguas: activando falantes para o século XXI, organizadas pola Deputación da Coruña afondará mañá no tema "Lingua e memoria. Transmisión familiar da lingua". O Pazo provincial será o escenario dun encontro que se propón debater sobre as consecuencias da violencia lingüística do franquismo e dotar á normalización de ferramentas que permitan traballar directamente coas causas da perda de falantes.

A xornada abrirase cunha benvida da vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín. Tras ela, afondarase na historia social da lingua da man dos historiadores Antonio Míguez Macho e Encarna Otero, facendo fincapé no punto de inflexión que supuxo a dictadura, e en concreto a escola do franquismo, na transmisión interxeracional da lingua, que a partir dos anos 50 se interrompe de forma violenta.

Nunha segunda mesa, formada pola psicopedagoga Iria García Martínez e o escritor e profesor Marcos Abalde Covelo, analizarase a cuestión do trauma colectivo derivado desa violencia e ese terror exercidos sobre a poboación, que se estendeu e xeralizou a través da escola, que por esa altura se converteu en obrigatoria para todos os nenos e nenas.

Pola súa banda, a poeta Luz Fandiño e a psiquiatra Iria Veiga compartirán os seus 'Argumentos para o galego', neste caso arredor da súa experiencia na escola e na práctica clínica, respectivamente. A xornada rematará cun espazo colectivo de participación dirixido a persoal técnico de Normalización Lingüística dos concellos da provincia.

Unhas xornadas para debater e proxectar novos camiños para o galego

A primeira xornada, celebrada en outubro no Pazo de Mariñán, centrouse no impacto das políticas de normalización galego das últimas décadas. As seguintes citas celebraranse xa en 2019 ao longo de dúas datas máis, nas que se tratarán os temas Mocidade e transmisión non familiar da lingua (1 de marzo de 2019, Santiago de Compostela) e Lingua e xéneros (12 de abril de 2019, A Coruña).

Máis información e programa completo na web da Deputación da Coruña: www.dacoruna.gal

Páxinas suxeridas