Estás en:Novas

A FEMP e o Goberno de España premian as políticas contra a violencia de xénero da Deputación da Coruña

O presidente Valentín González Formoso recibiu o galardón nun acto que contou coa asistencia da vicepresidenta do Goberno e ministra de Igualdade, Carmen Calvo, e o presidente da FEMP, Abel Caballero

Formoso afirma que na Deputación "as políticas de loita contra a violencia de xénero levan nome de muller" e agradece un galardón "que nos da ánimo e ilusión para seguir traballando nun ámbito no que avanzamos moito, pero aínda queda moito por facer"

A FEMP e o Goberno de España premian as políticas contra a violencia de xénero da Deputación da Coruña

O programa de apoio á rede de acollemento para mulleres vítimas da violencia de xénero da Deputación da Coruña vén de recibir un premio a nivel nacional como exemplo de boas prácticas en materia de violencia de xénero no ámbito local.

O galardón, concedido pola Secretaría de Estado de Igualdade e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), foi recibido esta mañá en Madrid polo presidente da institución provincial, Valentín González Formoso, durante un acto que contou coa asistencia da vicepresidenta do Goberno e Ministra de Igualdade, Carmen Calvo; o presidente da FEMP e alcalde de Vigo, Abel Caballero, a delegada do Goberno para a Violencia de Xénero, Pilar LLop, a presidenta da Comisión de Igualdade da FEMP, María Eugenia Rufino, e a deputada provincial responsable da área de Benestar Social e Igualdade da Deputación da Coruña, Ánxela Franco.

González Formoso agradeceu o galardón e destacou "o gran traballo" que está a levar a cabo a área de Benestar Social e Igualdade da Deputación da Coruña "percorrendo a provincia, escoitando e traballando man a man cos concellos e as entidades da provincia para coñecer directamente as súas necesidades".

"Na Deputación, as políticas de loita contra a violencia de xénero levan nome de muller: Ánxela, Mercedes, Eva, Carolina, Isabel, Fernanda, Teresa, Elena, Paula, Chus, María del Mar e Aurora...grazas polo voso traballo", afirmou o presidente provincial, que sostivo que "este galardón danos ánimo e ilusión para seguir traballando nun ámbito no que avanzamos moito, pero aínda queda moito por facer".

Pola súa banda, a deputada de Benestar Social e Igualdade, Ánxela Franco, tivo tamén palabras de agradecemento para o seu equipo e incidiu en que "aínda que estamos no camiño, hai moito traballo por diante para seguir avanzando en materia de igualdade e na erradicación da lacra da violencia contra as mulleres", afirmou.

Programa de apoio a casas de acollida en Coruña, Ferrol e Culleredo

O programa de apoio á rede de acollemento para mulleres en situación de violencia de xénero da Deputación da Coruña leva en funcionamento dende 1992 e inclúe colaboración técnica e económica da institución provincial a casas de acollida e vivendas tuteladas na Coruña, Ferrol e Culleredo, nas que Deputación reserva un 31 % das prazas para mulleres vítimas da violencia de xénero procedentes de calquera municipio da provincia, dado que – en moitas ocasións- os concellos non contan con recursos asistenciais axeitados para atender situacións de emerxencia social relacionadas coa violencia de xénero.

En 2016, a Deputación da Coruña comezou a implantación do programa premiado hoxe en Madrid, que ademais de garantir a estabilidade no financiamento e apoio técnico a estes centros, establece procedementos e protocolos que melloran a coordinación entre as diferentes administracións implicadas (Xunta de Galicia, concellos e a propia Deputación) co obxectivo de evitar a duplicidade de recursos, simplificar e axilizar os procedementos de ingreso nestes centros.

O programa inclúe ademais a creación dunha comisión de seguimento de casos, que ten como obxectivo principal garantir e apoiar o proxecto de recuperación de cada unha das usuarias do programa, de xeito individualizado.

Ademais deste programa, a Deputación da Coruña desenvolve unha ampla acción na área de Igualdade e prevención da violencia de xénero, entre os que destacan o programa educativo "Suprime o Control", dirixido ao alumnado de 3º e 4º de ESO dos centros educativos da provincia, o programa "Quen dixo medo?", que leva a centros municipais e centros de educación infantil obradoiros, charlas, xogos e contacontos para promover a igualdade entre os máis pequenos, ou o concurso anual de guións contra a violencia de xénero, que este ano gañou o alumando do IES Isaac Díaz Pardo de Sada.

Mención honorífica ao Concello de Curtis

Nesta sexta edición do concurso de Boas Prácticas Locais contra a Violencia de Xénero, ademais da Deputación da Coruña (que obtivo o galardón na categoría de Detección e Coordinación), a FEMP e o Goberno de España recoñeceron o traballo dos concellos de Madrid, Oviedo, Logroño Valladolid, Alovera (Guadalajara), Villena (Alicante) e Puçol (Valencia) e a Deputación de Palencia.

Tamén recibiron mencións honoríficas os concellos de Ciudad Real, Mataró (Barcelona), Cádiz e Curtis (A Coruña).