Estás en:Novas

A Deputación da Coruña expón en Culturgal a obras das mulleres artistas da súa colección

As áreas de Turismo e Cultura ofrecen un programa ao ser a Deputación da Coruña entidade convidada á Feira das Industrias Culturais

A Deputación da Coruña expón en Culturgal a obras das mulleres artistas da súa colección

A Deputación da Coruña é nesta edición protagonista do Espazo Arte do Culturgal coa exposición "Artistas de Colección", comisariada por Rosario Sarmimento, que mostra obra de vinte mulleres artistas dos fondos do patrimonio súa colección. As áreas de Turismo e Cultura ofrecen un programa especial nesta edición en que a Deputación da Coruña é entidade convidada á Feira das Industrias Culturais que se celebra en Pontevedra desde este venres día 30 de novembro ao domingo 2 de febreiro.

Ao longo dos tres días da feira, a Deputación da Coruña terá aberta no Espazo Arte unha exposición comisariada por Rosario Sarmiento con obra de vinte mulleres artistas da súa colección artística. Ana Soler, Maruja Mallo, Tatiana Medal, Fina Mantiñán, Soledad Penalta, Almudena Fernández ou Berta Cáccamo son algunhas das artistas que recolle a mostra, comisariada por Rosario Sarmiento, que reunirá por vez primeira fondos de autoría feminina do patrimonio da Deputación da Coruña.

"Coa mostra quixemos que unha parte do patrimonio artístico da Deputación da Coruña, o asinado por mulleres que non é, como é fácil imaxinar, a maior parte da colección, se visibilice e difunda", explica a vicepresidenta e deputada de Cultura, Goretti Sanmartín.

A comisaria da exposición, Rosario Sarmiento, sinala na mostra que as coleccións artísticas esquecen, moitas veces, a presenza das mulleres. "Poñer en valor e mostrar o seu traballo é, sen dúbida, a mellor maneira de coñecer as súas achegas, a súa capacidade de innovar e como as artistas máis novas empregan xa claves creativas que reivindican a súa propia idiosincrasia feminina", explica Sarmiento. Pintoras, fotógrafas e esculturas de diferentes xeracións e con linguaxes e formulacións creativas moi heteroxéneas compoñen esta mostra tan efémera como o propio Culturgal mais que afonda nunha liña de traballo pola igualdade desde a cultura de especial interesen nas liñas de acción da Deputación da Coruña.

Programa de entidade convidada

As áreas de Turismo e Cultura propoñen un programa especial para a Feira de Industrias Culturais á que asisten como entidade convidada

Como entidade convidada a esta nova edición da Feira das Industrias Culturais, a Deputación da Coruña prepara un programa especial con obradoiros, presentación de libros de premios e das bandas gañadoras do Culturgal, proxeccións de documentarios ou difusión pública de numerosas iniciativas.

Nunha feira na que participan 80 casetas institucionais e de empresas culturais que conta cun programa máis de 120 actividades, a Deputación da Coruña ten unha presenza destacada, tanto no espazo expositivo como na programación da feira, ao ser escollida como entidade convidada á nova edición do Culturgal.
"A presenza máis intensa nesta edición responde á condición de entidade convidada ao Culturgal, o que nos permite mostrar con maior forza a actividade que está a desenvolver a Deputación da Coruña e achegala ao público que é o protagonista do Culturgal", sinala a vicepresidenta e deputada de Cultura, Goretti Sanmartín Rei.

O deputado de Turismo e Patrimonio, Xosé Regueira, destaca que "a colaboración especial desta nova edición no Culturgal é para nós unha oportunidade excepcional para mostrar a relevancia que a Cultura e o Turismo teñen na acción de goberno da Deputación da Coruña e achegar dunha maneira directa os nosos programas aos milleiros de persoas que cada ano se achegan á feira, por outra parte, un público interesado e con ganas de coñecer as novidades destes ámbitos".

Os posto da Deputación da Coruña, de dimensións maiores que nas anteriores edicións, dispón dun deseño moi visual que acollerá unha galería de libros e un espazo de lectura ademais de toda a información sobre os principais programas que están a desenvolver as áreas de Cultura, Turismo e Patrimonio e Lingua. A natureza é a protagonista do deseño que mostrará novos materiais informativos de iniciativas como o turismo desde a escola, o apoio a festivais ou os xeoparques do Plan de Patrimonio. Ademais, o público poderá fotografarse coa famosa ra do concurso de música infantil Quero Cantar do que se ofrecerá o primeiro concerto do grupo gañador na categoría xuvenil da nova edición Pequenos Besbellos, de Pontevedra, e a banda que quedou de segunda en infantil, Os Calistos de Teo.

O programa inclúe tamén a presentación das novelas gañadoras dos Premios Torrente Ballester e Raíña Lupa, presentados polo autor e autora, Antonio Piñeiro e Marilar Aleixandre, o editor Francisco Castro e a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei nun sábado en que o Espazo Carpa acollerá o concerto dos grupos do Quero Cantar. O sábado ás 11:00 presentarase tamén a plataforma de préstamo dixital e do club de lectura dixital da Biblioteca da Deputación da Coruña.

Pola tarde, o documental "Tecido Resistente" de Marina Chiavegatto, gañador dun dos premios Luísa Villalta da Deputación da Coruña, proxectarase no Salón de Actos xusto antes de que a directora participe xunto con Goretti Sanmartín e Silvia Seixas nunha conversa sobre políticas culturais para a igualdade de xénero no Espazo Foro. Ao longo de toda a xornada, a debuxante Bea Lema, gañadora do Premio Castelao de Banda Deseñada polo seu libro "O corpo de Cristo".

Para o domingo día 2 de novembro a Deputación da Coruña incluirá na programación do Culturgal a presentación do acto público artístico sobre a recuperación do Pazo de Meirás coa participación de Goretti Sanmartín e o coordinador Artur Trillo.

Programa de Actos

Sábado 1
11: 00 - 12:00: Presentación da plataforma de préstamo dixital e do club de lectura dixital da Biblioteca da Deputación da Coruña. ESPAZO FORO.
12:00-12:30: Presentación dos Premios Torrente Ballester e Raíña Lupa da Deputación da Coruña. Goretti Sanmartín, Francisco Castro e Antonio Piñeiro. ESPAZO LIBRO.
12:30-13:00: Concerto cos grupos gañadores do Quero Cantar 2018 . ESPAZO CARPA.
12:00 /17:00/18:30: Obradoiros de Banda Deseñada. Bea Lema. Previa inscrición en info. da feira. AULAS.
18:00- 19:00: Proxección do documental "Tecido Resistente" de Marina Chiavegatto. SALÓN DE ACTOS.
19:00-19:30: Conversa sobre políticas culturais para a Igualdade de xénero. Goretti Sanmartín, Marina Chiavegatto e Silvia Seixas. ESPAZO FORO.
Domingo 2
17:30-18:15: Presentación do acto público artístico sobre a recuperación do Pazo de Meirás. Goretti Sanmartín e Artur Trillo. ESPAZO FORO
Do 30 de novembro ao 2 de decembro: Exposición " DAC. Artistas Mulleres de Colección. Fondos do Patrimonio da Deputación da Coruña". ESPAZO ARTE CONTEMPORÁNEA.