Estás en:Novas

A Deputación da Coruña insta ao Goberno do Estado a incrementar fondos contra a violencia machista

O pleno insta tamén aos concellos a conmemorar o 70 aniversario da Declaración dos Dereitos Humanos

A Deputación da Coruña insta ao Goberno do Estado a incrementar fondos contra a violencia machista

O pleno da Deputación da Coruña aprobou unha declaración institucional pola que se insta ao Goberno do Estado a incrementar fondos destinados ao cumprimento do Pacto de Estado en materia de violencia de xénero. Demanda tamén a creación dunha unidade de Violencia Machista en Galicia. O pleno aprobou tamén unha declaración institucional para conmemorar o 70 aniversario da Declaración de Dereitos Humanos.

Con motivo da conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, a Deputación da Coruña -que este xoves recolleu o Premio da FEMP e o Goberno do Estado pola súa actuación en violencia de xénero- aprobou no pleno de hoxe, 30 de novembro, unha declaración institucional que esixía considerar o feminicidio como unha "prioridade institucional e política para as administracións". Neste sentido, a declaración acordaba expresar o recoñecemento ás mobilizacións do feminismo e mostraba o apoio ás que convoque ademais de dirixirse ao Goberno do Estado para que incremente os fondos destinados ao cumprimento do Pacto de Estado en materia de violencia de xénero.
A declaración demanda tamén que o goberno continúe impulsando as medidas recollidas no Pacto nos ámbitos educativo, social, xurídico, económico, de protección, de concienciación e de sensibilización social.

Creación dunha unidade en Galicia

Finalmente, a declaración contempla a creación dunha unidade de violencia machista específica en Galicia, encargada de facer cumprir a lexislación na materia para impulsar xulgados específicos, promover medidas destinadas ao tratamento integral da violencia sexual como forma de violencia machista e garantir formación especifica para todo o persoal que intervén no proceso xudicial.

Compromiso coa Declaración Universal dos Dereitos Humanos

Con motivo do 70 aniversario da Declaración Universal dos Dereitos Humanos que se conmemora o vindeiro 10 de decembro, a Deputación da Coruña aprobou tamén en pleno unha declaración institucional en que se mostra o compromiso da corporación co texto e anima aos concellos á celebración do día e á "promoción máxima deste documento, probablemente o máis influínte do S.XX, sobre todo entre a mocidade, para que a fagan súa e esixan ás institucións públicas a que a cumpran".

"Estes dereitos fundamentais, como son a liberdade, a xustiza, a seguridade, a educación, a vivenda, a asistencia sanitaria, a igualdade ante a lei, entre outros, deben ser protexidos polos Estados, garantes do cumprimento da lei nos seus territorios", sinala a declaración institucional aprobada.

Páxinas suxeridas