Estás en:Novas

O pleno da Deputación demanda a continuidade das centrais térmicas das Pontes e Meirama

O pleno da Deputación demanda a continuidade das centrais térmicas das Pontes e Meirama

O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe dúas mocións, presentadas polo PSdeG-PSOE e o Partido Popular demandando que se manteña a actividade nas centrais térmicas das Pontes e Meirama.

Na moción impulsada polo Partido Socialista, que se aprobou cos votos favorables de toda as forzas políticas agás o PP, que se abstivo; demándase a Naturgy que realice na central térmica de Meirama (Cerceda) os investimentos que sexan necesarios para para adaptarse aos requirimentos da Directiva de Emisións Industriais (DEI ) da Unión Europea e permitan a continuidade da central como mínimo até 2045.

Asemade, a moción impulsada polos socialistas demanda da Xunta de Galicia e o Goberno do Estado "todo o apoio que sexa preciso, para que as centrais térmicas das Pontes e Cerceda continúen coa súa actividade de xeración eléctrica como mínimo ata o ano 2045, incluíndo as axudas económicas que teñan encaixe no artigo 107 do Tratado Fundacional da Unión Europea".

A moción rexistrada polo Partido Popular (tamén aprobada cos votos do BNG, Alternativa dos Veciños, as abstencións de Marea Atlántica e Compostela Aberta e o voto en contra do PSOE), solicitábase tamén o mantemento das actividade en ambas as dúas plantas, esixido ao Goberno "implicación, apoio e compromiso orzamentario necesario para facilitar ás empresas titulares a modernización e actualización das instalacións".

Foi precisamente este punto do "compromiso orzamentario" o que suscitou o debate entre socialistas e populares, xa que o portavoz socialista, Bernardo Fernández, lembrou que tanto a Dirección Xeral da Competencia como a Unión Europea prohiben este tipo de axudas "e así llo comunicou ao anterior Goberno de España".

"Compartimos a moción do PP, pero non podemos pedir ao Estado que estableza axudas económicas para que as centrais térmicas se adapten á normativa europea. Sería enganarnos a nós mesmos e ás poboacións afectadas", afirmou o presidente Valentín González Formoso, que lembrou que tanto a Dirección Xeral de Competencia como a propia Unión Europea "prohiben expresamente que se subvencione a empresas para que cumpran normas de obrigado cumprimento".

"A propia UE abriu un expediente a España para que se reintegren as axudas públicas concedidas a estas empresas, por importe de 440 millóns de euros... Para que devolvan as cantidades aportadas polo Estado destinadas á adaptación destas centrais no ano 2008", afirmou González Formoso antes de pedir "realismo" ao portavoz do PP.

"O Goberno anterior fixo cousas pero a Xunta relaxouse bastante", afirmou González Formoso, que lembrou que Gas Natural anunciou en 2015 o investimento necesario para adaptar da planta de Meirama á normativa europea, pero dende entón non houbo máis avances.

"Hai nove meses que a alcaldía de Cerceda e o comité de empresa agardan por unha entrevista coa Consellería de Industria que está concedida para aínda para o martes que vén", afirmou o presidente provincial.

"Tristemente, somos a única Deputación das afectadas onde non hai unha declaración institucional ao respecto e simplemente por unha frase, a do compromiso orzamentario que o Estado legalmente non pode asumir", lamentou o presidente.

Ante a negativa do PP a modificar o texto da súa moción coa proposta socialista, votáronse as dúas, que saíron aprobadas no pleno provincial.