Estás en:Novas

A Deputación da Coruña convoca o Premio Concepción Arenal para promover a igualdade nos centros de ensino

O prazo para a presentación de proxectos educativos remata o vindeiro 24 de decembro

A Deputación da Coruña convoca o Premio Concepción Arenal para promover a igualdade nos centros de ensino

Promover políticas de igualdade e prevención da violencia de xénero entre a poboación infantil e adolescente é o obxectivo do Premio Concepción Arenal do que a Deputación da Coruña vén de convocar unha nova edición. O prazo de presentación de proxectos remata o vindeiro 24 de decembro.

Con este certame, a Área de Benestar Social, Educación e Políticas da Igualdade de Xénero premiará o compromiso e a implicación dos centros educativos públicos que presenten proxectos educativos nos que se contribúa ao desenvolvemento de habilidades para identificar e rexeitar estereotipos sexistas, así como aqueles que presenten esquemas alternativos que axuden a comprender a igualdade de oportunidades real entre sexos.

A convocatoria, á que poden concorrer todos os centros educativos públicos da provincia, contempla as modalidades de educación infantil, primaria e secundaria, estando dotadas cada una unha das modalidades cun premio de 5.000 euros. O prazo de presentación dos proxectos remata o vindeiro 24 de decembro.

A Deputación da Coruña valorará aquel programa de actividades no que se traballe a favor da igualdade, así como a sensibilización, prevención de comportamentos de risco ou a intervención en materia de violencia de xénero. Así mesmo, terá en conta a incorporación transversal da educación en valores nos proxectos, como poden ser: a tolerancia, o respecto, a promoción da empatía, a xustiza, etc...

"Dentro das iniciativas destinadas a promover a igualdade na infancia e mocidade, o Premio Concepción Arenal ten especial relevancia porque supón a elaboración de proxectos que poden integrar as comunidades educativas no seu conxunto", sinala Ánxela Franco, responsábel da área.

"Tripulando a igualdade" do CIP María Pita da Coruña en Educación Infantil, "Diferentes na igualdade" do CPI Atios de Valdoviño en Educación Primaria, e "Máis pola igualdade" do IES Otero Pedrayo da Coruña en Secundaria son os tres proxectos educativos gañadores do Premio Concepción Arenal da anterior edición.

As bases do premio pódense consultar na seguinte ligazón: https://www.dacoruna.gal/servizos-sociais/area-igualdade/premios/concepcion-areal-proxectos-educativos-igualdade-xenero