Estás en:Novas

A Deputación da Coruña apoia con 140.000 euros o programa de actividades culturais, artísticas e científicas da USC

González Formoso destaca a especial importancia dos programas de captación de talento coma Estalmat, para alumnos con especiais capacidades para as matemáticas, ou "A Ponte entre a USC e o Ensino Medio", que pretende captar os mellores expedientes académicos do bacharelato
O amplo calendario anual de actividades culturais cofinanciado pola Deputación inclúe teatro, música e arte
O programa "Camiños de Coñecemento" para a formación de persoas maiores de 50 anos na área compostelá tamén conta con apoio provincial

A Deputación da Coruña apoia con 140.000 euros o programa de actividades culturais, artísticas e científicas da USC

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Antonio López, asinaron esta mañá na sede da institución provincial o convenio para o financiamento das actividades culturais, artísticas e científicas da USC. No acto estivo tamén a vicepresidenta e responsable da área de Cultura, Goretti Sanmatín.
A través deste convenio, a Deputación achega 140.000 euros para financiar en colaboración coa institución académica compostelá un amplo programa de actividades entre as que destacan programas de detección e captación de talento coma ESTALMAT, que ten como obxectivo detectar e estimular o talento matemático entre o alumnado de 12 a 15 anos dos centros educativos da provincia da provincia, ou "A Ponte entre a USC e o Ensino Medio", que pretende captar aos mellores expedientes académicos procedentes de Bacharelato e ciclos formativos.
"Na Deputación consideramos que o investimento en capital humano é sempre o máis rendible e, no caso particular de Estalmat, máis aínda; dado que o público obxectivo son mozos e mozas con capacidades especiais para unha materia coma as matemáticas, que é clave no desenvolvemento de moitas áreas coma a tecnoloxía ou a medicina e que, polo tanto, é clave para a innovación e o desenvolvemento da sociedade do futuro", afirmou Valentín González Formoso, que destacou a "estreita colaboración" que dende hai anos manteñen a Deputación e a USC "no ámbito da cultura, a arte ou a investigación".

Amplo programa de actividades culturais e deportivas
A través deste convenio finánciase tamén un amplo programa anual de actividades culturais e deportivas que inclúen o teatro ( Festival Internacional de Teatro Universitario, Mostra de Teatro Universitario de Galicia, Xira da compañía da Aula de Teatro...), música e danza ( encontros orquestrais de primavera, verán e nadal da Orquestra da USC, ciclos de música vocal e instrumental, Encontro Universitario de Danza Contemporánea....) ou arte (exposicións "Miradas de Marfil", "Tecidos e vestidos no laboratorio gráfico", etc.)
O acordo inclúe tamén o financiamento de actividades vinculadas coa promoción do deporte e a vida saudable, desprazamentos de equipos que participen en competicións universitaria, renovación de equipamentos e mantemento das múltiples instalacións deportivas da USC, así coma apoio para a celebración de congresos, cursos e seminarios que contribúan ao intercambio de coñecemento científico e cultural da comunidade universitaria.
Camiños de Coñecemento e Experiencia
Finalmente, o convenio financia "Camiños de Coñecemento e Experiencia", un programa destinado a persoas e máis de 50 anos das comarcas da contorna de Santiago que, por motivos sociais ou económicos, non poden asistir a este programa de formación de maiores nas aulas da USC.
Este ano, o programa desenvolveuse nas comarcas de Barbanza, Noia, Muros, Santiago, Sar, Barcala, Ordes, Arzúa, Terras de Melide, Tabeirós e Deza.

Páxinas suxeridas