Estás en:Novas

A Deputación investirá 265.000 euros nas obras de mellora da seguridade viaria da DP 4901 en Moeche

O proxecto inclúe ampliación dun tramo da estrada ata os 6 metros de ancho e a construción dunha senda peonil


González Formoso destaca que as obras inclúense na aposta do seu goberno por mellorar a seguridade peonil en núcleos rurais con programas como o Plan de Sendas, que contempla a construción de 60 km de sendas neste mandato

A Deputación investirá 265.000 euros nas obras de mellora da seguridade viaria da DP 4901 en Moeche

A Deputación da Coruña investirá 265.558,77 euros nas obras de mellora da seguridade viaria na DP 4901 San Ramón-As Somozas, entre os puntos quilométricos 1+000 e 1+780, no termo municipal de Moeche.

O proxecto, que vén de ser aprobado por unanimidade no pleno do pasado venres, suporá a ampliación deste tramo estrada (que actualmente conta cunha plataforma de só 4,2 metros de ancho) ata os 6 metros e a construción dunha senda de 2 metros de ancho na marxe esquerda que contribuirá mellorar a seguridade peonil na zona.

Segundo explicou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, as obras enmárcanse na aposta do seu goberno por crear sendas e beirarrúas que melloren a seguridade dos viandantes na rede provincial de estradas, especialmente nos núcleos rurais, como este de Moeche, onde non existe zona de paso para peóns.

"Unha estratexia articulada a través de programas como o Plan de Sendas Peonís, que contempla a construción de 60 quilómetros de itinerarios seguros para peóns en 26 estradas, cun investimento que supera os 6,3 millóns neste mandato, ou as 21 sendas que se están a construír nos concellos coruñeses cun investimento de 3,4 millóns de euros procedente do Plan Único (POS+)", afirmou o presidente da Deputación.

As obras terán lugar a un quilómetro do núcleo de San Ramón (Moeche), onde se sitúan numerosos servizos públicos coma a Casa do Concello ou o centro de saúde da localidade e consistirán na ampliación da sección da calzada cunha base de lastro e grava sobre a que se aplicarán 6 cm de mestura bituminosa en quente e rego asfáltico para a mellora a adherencia dos vehículos.

A senda, de dous metros de ancho, discorrerá elevada sobre a marxe esquerda do viario e executarase en formigón coloreado con bordo exterior.

A rede de recollida de pluviais resolverase cunha canalización en PVC de 315 mm de diámetro baixo a senda, con rede se sumidoiros. Inclúese tamén canalización para instalación da rede de alumeado público e renovación da sinalización horizontal e vertical.

Páxinas suxeridas