Estás en:Novas

A Deputación investirá 536.000 euros nas obras de mellora da seguridade viaria da DP 4603 nos núcleos da Balada e Vilar de Ferreiros (Santiso)

O proxecto inclúe a construción dunha senda peonil de case 3 quilómetros de lonxitude e a mellora estética da zona coa plantación de árbores e céspede, a instalación de bancos e a ocultación dos contedores de lixo

González Formoso destaca que as obras inclúense na aposta do seu goberno por mellorar a seguridade peonil en núcleos rurais con programas coa Plan de Sendas, que contempla a construción de 60 km de sendas neste mandato

A Deputación investirá 536.000 euros nas obras de mellora da seguridade viaria da DP 4603 nos núcleos da Balada e Vilar de Ferreiros (Santiso)

A Deputación da Coruña investirá 536.396,44 euros nas obras de mellora da seguridade viaria da estrada provincial DP 4603, ao seu paso polos núcleos da Balada e Vilar de Ferreiros, no termo municipal de Santiso.

O proxecto, que vén de ser aprobado por unanimidade no pleno do pasado venres, suporá a construción dunha senda peonil de 2.800 metros de lonxitude entre os puntos quilométricos 7+600 e 10+400 do citado vial, unha zona que atravesa tres núcleos rurais nos que hai numerosas vivendas dispersas, a pesar do cal non existe (agás un pequeno e antigo tramo de beirarrúas en Balada) unha conexión peonil segura que permita á veciñanza realizar os seus desprazamentos en condicións de seguridade.

A presenza de contedores para a recollida de lixo nas marxes da estrada supón tamén un problema de seguridade, dado que reduce a visibilidade dos condutores e provoca que os peóns teñan que invadir a calzada nos seus desprazamentos a pé.

Segundo explicou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, as obras "suporán un importante investimento para garantir a seguridade dos veciños que se desprazan a diario entre estes núcleos" e enmárcanse na aposta do seu goberno por crear sendas e beirarrúas que melloren a seguridade dos viandantes na rede provincial de estradas, especialmente nos núcleos rurais.

"Unha estratexia articulada a través de programas como o Plan de Sendas Peonís, que contempla a construción de 60 quilómetros de itinerarios seguros para peóns en 26 estradas, cun investimento que supera os 6,3 millóns neste mandato, ou as 21 sendas que se están a construír nos concellos coruñeses cun investimento de 3,4 millóns de euros procedente do Plan Único (POS+)", afirmou o presidente da Deputación.

Unha senda de 3 quilómetros que inclúe outras melloras na zona

As obras de Santiso comezarán coa tala das árbores existentes na marxe da calzada, o traslado das sinais e da parada de bus existente, así como a demolición dos pequenos tramos beirarrúas existentes.

A nova senda, de 1,5 metros de ancho, executarase en formigón armado de 15 cm de espesor sobre unha base de lastro artificial. Nas beirarrúas da Balada substituirase a baldosa actual polo mesmo pavimento de formigón do resto da senda, pero mantendo o bordo. Así, toda a senda discorrerá ao nivel da calzada, excepto neste tramo, onde se manterá a altura das beirarrúas existentes.

Na contorna de Vilar de Ferreiros procederase a un estreitamento dos carrís para a implantación da senda, polo que se se executará en todo o tramo afectado un tratamento superficial con microaglomerado en frío.

A senda contará con rede de recollida de pluviais e canalización soterrada para o alumeado público.

A actuación tamén contempla o acondicionamento dos espazos libres de dominio público coma zonas verdes mediante estendido de terra vexetal e plantación de céspede, a plantación de árbores, a colocación de bancos e de sistemas de ocultación dos contedores do lixo, o que contribuirá a unha mellora estética da zona.

Páxinas suxeridas