Estás en:Novas

Un acordo entre a Deputación da Coruña e o Concello de Santiago pon en marcha a ludoteca María Miramontes das Fontiñas

A Deputación achega máis de medio millón de euros para o desenvolvemento de tres proxectos de especial interese para a cidade

Un acordo entre a Deputación da Coruña e o Concello de Santiago pon en marcha a ludoteca María Miramontes das Fontiñas

O espazo de ocio e de lecer María Miramontes das Fontiñas será realidade neste mes de decembro, despois de que a Deputación e o Concello asinasen un convenio para a súa posta en marcha como espazo educativo e de lecer para nenas e nenos de 2 a 12 anos. A colaboración institucional intensifícase no ámbito cultural en que, ademais do financiamento do programa do Auditorio, a Deputación posibilita a compra da colección de Carlos Maside, un tesouro patrimonial vinculado ao concello.

A vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei e o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, asinaron tres convenios de colaboración por unha cantidade de 506.796,47 € que fan realidade dous proxectos importantes para a cidade como son a posta en marcha da ludoteca das Fontiñas, que levará o nome de María Miramontes e a adquisición dunha importante colección da obra de Carlos Maside ademais da colaboración no programa cultural do Auditorio de Galicia.

Para Goretti Sanmartín, o espazo educativo María Miramontes era "unha débeda histórica para a cidade nun barrio que conta con numerosa poboación infantil e que, de maneira especial, vai servir para a conciliación laboral e familiar". Trátase, segundo sinalou, dun "equipamento necesario que vén cubrir parte das deficiencias existentes que fan moi complexo para moitas familias conxeniar os traballos cos coidados das crianzas, en especial en período vacacional e en horario de tarde".

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, destacou a colaboración institucional da Deputación e o Concello para conseguir tres cuestións "imprescindíbeis" para a cidade e mostrou a súa satisfacción pola pronta apertura da ludoteca María Miramontes, "construída hai doce anos que vai ter xa un funcionamento como ludoteca, adicado a máis pequenos e pequenas o que é moi boa noticia, un equipamento no que se leva traballado moito, especialmente, o deputado Manuel Dios e hai que agradecer a colaboración da Deputación da Coruña para que sexa posible".

O Espazo de Ocio e de Lecer María Miramontes abrirá este mesmo mes nas Fontiñas cunha superficie construída de máis de mil metros cadrados e co obxectivo de contribuír á conciliación da vida laboral e familiar para nais e pais de nenos e nenas de 2 a 12 anos. O orzamento do programa ascende a 144.359,06 € dos que a achega da Deputación da Coruña é de 83.432,97 €, o que representa unha porcentaxe do 57,795 % do total.

Co nome dunha muller de referencia no galeguismo e na construción de proxectos do país como a Editorial Nós como é o de María Miramontes, membro das Irmandades da Fala e casada co que fora alcalde de Santiago, Ánxel Casal, a nova ludoteca porá en marcha un programa piloto para a implantación dun servizo de atención á infancia con espazos acondicionados para o xogo, animación á lectura, promoción do libro e distintas propostas para unha conciliación lúdica e formativa. O equipamento ofrecerá outros servizos como un punto de información ás familias sobre o mundo do xogo, tamén os tecnolóxicos. Reservará tamén 73 prazas, os venres de 10:30 horas a 13:30 horas para que os nenos e nenas escolarizados en centros escolares de fóra do Concello de Santiago de Compostela poidan asistir á realización de actividades programadas no Centro, no horario escolar.

O legado de Carlos Maside, patrimonio público

Na mesma sesión, a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación, Goretti Sanmartín, e o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, en calidade de presidente do Consorcio de Santiago, asinaron o convenio polo que se acorda o financiamento para comprar o legado Maside e expoñelo en Santiago de Compostela.

Por medio do convenio, a Deputación achega de 215.000 € para a compra da colección de Carlos Maside, un importante legado que supón unha "autoantoloxía" e o "testamento pictórico" dun dos máis relevantes artistas do século XX e que permanecerá na cidade en que o artista tivo o seu estudio.

Conséguese, desta maneira, manter a unidade da colección que queda blindada como patrimonio público fronte á posible dispersión en distintas mans. O acordo recolle a achega de 215.363,50 €, por parte da Deputación, a metade do orzamento en que foi valorada a obra, que ascende a 430.727 €, despois de realizarse os correspondentes estudos e valoracións profesionais.

En total son 21 obras que serán cofinanciadas polo Consorcio de Santiago de Compostela para a adquisición da coleccións que está en mans das persoas herdeiras de Carlos Maside.

O alcalde Martiño Noriega sinalou a boa noticia da "recuperación e salvagarda do legado de Carlos Maside, unha reivindicación dunha plataforma da cidade, que vai poder ficar na capital do país. Damos así uha resposta ao longo traballo feito man a man coa vicepresidenta da Deputación para garantir que este legado quede na capital e en custodia pública para o que hai que recoñecer tamén a colaboración do Consorcio, no que participan a Xunta e o Goberno central".

A vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín, destacou que "con este convenio garántase que se conserve en Compostela e se expoña permanentemente ao público este importante conxunto de obras de Carlos Maside, que constitúe unha mostra da traxectoria dun dos máis relevantes artistas do século XX, renovador da pintura galega e unha figura de incuestionábel influencia na intelectualidade do seu tempo e nas xeracións de artistas que tiveron nel unha referencia indispensábel". Destacou Goretti Sanmartín que a colección, "permanecerá próxima á Rúa do Vilar en que tiña o seu estudo, unha rúa en que tamén se estableceu a imprenta Nós e outros puntos de interese cultural da historia da cidade e que ten que, na medida do posíbel, recuperar ese esplendor".

"A singularidade e excepcionalidade da obra supón que estamos ante un conxunto único que achega a Santiago de Compostela un novo foco de interese cultural cunha colección única dun artista que forma xa parte da historia da cidade", anotou Goretti Sanmartín.

O convenio garante a conservación e permanencia en Compostela -cidade na que residía e tiña o seu estudo na rúa do Vilar- e a exposición permanentemente ao público deste importante conxunto de obras de Carlos Maside, que constitúe unha mostra da traxectoria dun dos máis relevantes artistas do século XX, renovador da pintura galega e unha figura de incuestionábel influencia na intelectualidade do seu tempo e nas xeracións de artistas que tiveron nel unha referencia indispensábel.

A través da colección pódese facer un percorrido pola obra artística de Maside, xa que se trata dun conxunto pictórico representativo que o autor mantivo unido co fin de mostrar ao público de maneira conxunta.
.
O convenio pon fin así á demanda prolongada no tempo da Plataforma Cidadá Carlos Maside que defendía a necesidade de conservar unido o legado do artista, dispolo para a exposición na cidade en que el creou e que pasara a formar parte do patrimonio público.

Os óleos sobre lenzo Muller sentada (1930), Paisaxe de Compostela (1931), Tenda (1933), Rapaz e Xantar (1936), Mercado (1950), Cacharreira (1942), Retrato de neno (1942), Retrato de nena (1943) Lavandeiras (1953) ou Costureira (1945) son algunhas das obras nunha colección que inclúe tamén obra sobre papel, como o seu autorretrato de 1937, elaborado en pastel, ou pezas en gouache, como Dúas paisanas (1946-48) ou lapis e acuarelas, como A nena do libro (1944) ou Dúas nenas (1944).

Máis de 200.000 € para actividades culturais

Na mesma sesión, Goretti Sanmartín e Martiño Noriega, como presidente do Consello Reitor do Auditorio, asinaron tamén o convenio de actividades polo que a Deputación achega 208.000 € para financiar actividades culturais do Auditorio de Galicia, o 80% do orzamento total de 260.012,76 €

Entre outras actividades, o convenio inclúe a colaboración para iniciativas musicais como o programa de abono, o Ciclo de piano A. Brage, o programa "De lugares e órganos", o Ciclo de lied, as Xornadas de Música Contemporánea, a Gala Ari(t)mar, ou o Festival Wos .

O acordo inclúe outras programas de especial relevancia na actividade cultural de Santiago como a Semana do Patrimonio Invisible, as Xornadas de Ilustración Urbana, ou as exposicións da Zona C.

Páxinas suxeridas