Estás en:Novas

O campo de fútbol e rugby da USC reabre tras unha completa remodelación cofinanciada pola Deputación

González Formoso destaca a colaboración institucional que fixo posible mellorar as infraestruturas deportivas "dunha universidade de referencia, da que nos sentimos orgullosos"

A Deputación da Coruña, o Concello de Santiago, a Federación Galega de Fútbol e USC colaboraron no financiamento das obras que incluíron a instalación de céspede artificial, a renovación do alumeado e a reparación da cuberta, que permiten un mellor aproveitamento do campo

O campo de fútbol e rugby da USC reabre tras unha completa remodelación cofinanciada pola Deputación

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; o reitor da USC, Antonio López; o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e o presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, participaron esta mañá no acto de reapertura do campo de fútbol e rugby da USC.

Todos eles coincidiron en destacar a importancia da colaboración entre institucións para conseguir mellorar esta infraestrutura deportiva "nunha universidade que para nós é unha referencia e da que nos sentimos orgullosos", segundo afirmou González Formoso, que destacou que "esteita colaboración" que a Deputación mantén tanto coa institución académica como co Concello de Santiago de Compostela nos ámbito social, cultural, deportivo e de investigación.

O reitor da USC destacou tamén esta colaboración "que permite que toda a cidade saia gañando". . López, que tivo palabras de recoñecemento para o ex reitor Viaño, "con quen comezou este proxecto", lembrou que co novo campo se asegura a práctica deportiva da comunidade universitaria pero tamén das persoas federadas, que disporán uns horarios semanais para facer uso do campo. "Trátase de abrir a nosa Universidade ás cidades nas que se asenta", dixo.

Pola súa banda, o alcalde Martiño Noriega sostivo que "acordos como o que permitiu a renovación deste campo debe ser o modelo a seguir no futuro. É a vía que permite poñer en valor instalacións que non deben seguir compartimentalizadas, e máis coa demanda que temos en Santiago para diferentes deportes", afirmou o rexedor.

O acto, que rematou co descubrimento dunha placa conmemorativa, contou tamén coa presenza da vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo; da vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartin Rei, e da concelleira de Mocidade, Deporte, Mercados e Benestar Animal, Noa Morales Sánchez, así como dun
nutrido grupo de persoas, usuarias dende sempre das instalacións e amantes do deporte que xusto esta tarde xogarán ás 17.00 horas un partido que enfrontará ao PAS e o PDI –entre eles o reitor compostelán-. Ao remate, terá lugar outro de fútbol 7 entre equipos estudantís.

Reforma integral

A reapertura prodúcese logo dunha remodelación destas instalacións deportivas para permitir a súa adaptación tanto para a práctica do fútbol como do rugby.

Os traballos incluiron a renovación completa do espazo de xogo, co pavimentado da área e colocación dunha capa de céspede artificial de última xeración de 65 milímetros de altura, especialmente adaptado para a práctica destes deportes. Igualmente renováronse os equipamentos, incluíndo a instalación de novas porterías para fútbol 7 e 11 e de rugby.

Ademais, na grada inclúese unha nova zona cuberta na parte central e a mellora do sistema de alumeado, agora baseado en tecnoloxía led, de maneira que facilita a iluminación ocasionando á vez os menores prexuízos para as zonas residenciais da contorna ou as observacións do Observatorio Astronómico Ramón María Aller.

 

Páxinas suxeridas