Estás en:Novas

Centos de persoas rompen o documento de doazón para reivindicar que o Pazo de Meirás é público

Unha gala organizada pola Deputación da Coruña lembrou o 80 aniversario do espolio

Centos de persoas rompen o documento de doazón para reivindicar que o Pazo de Meirás é público

O 5 de decembro de 1938, Francisco Franco, en calidade de Xefe do Estado, aceptaba a doazón do Pazo de Meirás. Oitenta anos despois, centos de persoas romperon no Teatro Colón unha copia do documento para reivindicar a titularidade pública do pazo na gala "Meirás, por un pazo público", organizada pola Deputación da Coruña.

A ruptura do documento de doazón polos centos de persoas que enchían o Teatro Colón da Coruña foi o punto final da gala organizada pola Deputación da Coruña para reivindicar a condición de ben público do pazo e conmemorar o oitenta aniversario do documento que puña o inmóbel nas mans do Xefe do Estado.
A vicepresidenta e responsable da área de Cultura da Deputación da Coruña explicou no acto a repercusión histórica da conmemoración, clave no proceso xudicial de recuperación do Pazo de Meirás ."O 5 de decembro Franco aceptou unha doazón, saída dun espolio, en calidade de Xefe do Estado o que significa que no ano 1941 non podía haber unha compra porque xa estaba doado co cal o que se estaba a facer era unha simulación de contrato para que parecera unha venda privada", dixo na súa intervención na gala en que a sátira e o humor crítico foron os protagonistas.

O propio Francisco Franco, interpretado polo actor César Goldi que xa dera vida á personaxe, abriu dúas horas de humor irreverente nun espectáculo dirixido por César Goldi e que contou coa participación da súa compañía Talía Teatro, Ibuprofeno Teatro, Xulio Abonjo, Quico Cadaval, As Fillas Bravas de Chévere e Paula Carballeira coa música ao vivo de Alonso Caxade.
Durante case dúas horas, cun ritmo áxil , as distintas propostas foron achegando diversos enfoques da situación, partindo da sátira do propio Franco reclamando solidariedade para que non o desaloxaran do inmóbel, de particulares terapias para recuperar a memoria, dos argumentos xurídicos da defensa do ditador ou mesmo coa irrupción dunha panda de fachas que se manifestan como herdanza directa do franquismo coa pancarta "Santa Rita, Rita...".
A gala rematou cando, desde o escenario, se convidou ao público asistente a romper o documento de doazón que atoparan nos seus asentos, unha copia do pergameo que certifica que Francisco Franco recibiu o pazo en 1938 como doazón en calidade de Xefe do Estado e o que probaría, polo tanto, que a operación de compra-venda posterior é falsa. A ruptura do documento significaba a negación do espolio previo e o acto conxunto de reclamación da condición de ben público do Pazo de Meirás.