Estás en:Novas

A Deputación da Coruña apoia con 103.000 euros o programa de divulgación científica e cultural da UDC

González Formoso destaca a contribución do programa ao estímulo das novas vocacións científicas e tecnolóxicas entre o alumnado de Secundaria e Bacharelato

O amplo calendario anual de actividades cofinanciado pola Deputación nos Campus da Coruña e Ferrol inclúe xornadas, obradoiros, exposicións, residencias artísticas ou iniciativas coma os premios Expociencia

A Deputación da Coruña apoia con 103.000 euros o programa de divulgación científica e cultural da UDC

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o reitor da Universidade da Coruña (UDC), Julio Abalde, asinaron esta mañá na sede da institución provincial o convenio para o financiamento das actividades culturais e de divulgación científica da UDC.

A través deste convenio, a Deputación achega 103.000 euros para financiar, en colaboración coa institución académica coruñesa, un amplo calendario de actividades entre as que destacan un programa de promoción das vocacións científicas destinadas ao alumado de Secundaria e Bacharelato, xornadas de divulgación ou iniciativas coma os premios Expociencia.
González Formoso destacou a estreita colaboración que dende hai anos une á Deputación e a UDC en ámbitos coma o social, o cultural, deportivo ou o impulso á investigación. "Unha magnífica relación que beneficia ao alumnado da UDC", afirmou o presidente da Deputación, que subliñou a contribución deste programa ao estímulo de novas vocacións científicas e tecnolóxicas.

No mesmo sentido pronunciouse o reitor da UDC, Julio Abalde, que agradeceu o apoio da Deputación para impulsar un programa de actividades que se desenvolven tanto nos campus da Coruña coma no de Ferrol e que se estende aos concellos das áreas metropolitanas de ambas cidades.

O reitor destacou a incidencia do programa no ámbito preuniversitario, fomentando as vocacións científicas entre os alumnos de ESO e Bacharelato da provincia e estimulando unha maior participación das mulleres en carreiras técnicas, onde a presenza feminina segue sendo minoritaria con respecto á masculina.

Abalde defendeu tamén a importancia dun maior investimento en I+D+i e apuntou que mentres a media de investimento nesta materia nos países da OCDE supera o 2,1% en España apenas alcanza o 1,23% e en Galicia non supera o 0,9%.

A través deste convenio finánciase tamén o amplo programa anual de actividades culturais da Universidade da Coruña, que inclúe distintos obradoiros e rutas, exposicións, actividades musicais e teatrais, aulas de danza, ou residencia de artistas emerxentes.

Páxinas suxeridas