Estás en:Novas

A Deputación da Coruña entrega os premios cos que apoia a creación cultural

Nesta edición entrega 130.000 € en metálico ás persoas gañadoras de once modalidades

A Deputación da Coruña entrega os premios cos que apoia a creación cultural

A Deputación da Coruña entregou na tarde deste mércores no Pazo de Mariñán os seus premios culturais nun acto que presidiu a vicepresidenta e responsable da área de Cultura, Goretti Sanmartín Rei. Once categorías foron as convocadas nesta nova edición dos certames cos que a Deputación da Coruña recoñece a creación cultural cuns premios aos que destina 130.000 euros en premios en metálico, á marxe da publicación das obras ou organización de exposicións e outras iniciativas de difusión.

Desta volta, a Deputación da Coruña entregou os once premios convocados nesta nova edición nas distintas disciplinas que van desde a narrativa á poesía, pasando por proxectos culturais pola igualdade, artesanía ou música. Nun acto que se desenvolveu no Pazo de Mariñán e que presidiu a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura, Goretti Sanmartín Rei, as persoas gañadoras ou representantes das entidades premiadas recolleron o seu galardón na velada que contou coa música de Su Garrido Pombo, gañadora do Premio Narf de grupos musicais. Once categorías, desde narrativa até artes gráficas, pasando por música, poesía, ou proxectos culturais pola igualdade foron as convocadas este ano pola institución galega que conta con máis premios de carácter cultural.

A vicepresidenta e responsable da área de Cultura da Deputación da Coruña destacou na súa intervención que os premios son un recoñecemento individual, ás persoas que dan nome aos distintos certames mais tamén de valoración da creatividade nos seus distintos ámbitos. "Queremos que non sexan flor dun dia, por iso facemos medrar actividades ao seu redor, exposicións, concertos, edicións e presentacións de libros, recitais, bolsas de estadía entre nós... , queremos desenvolver un intenso traballo para visibilizar con orgullo o que se deriva da colleita deste ano", explicou

O acto de entrega dos premios que convocou no pazo de Mariñán non só ás persoas premiadas nas once categorías senón tamén a membros dos xurados e de asociacións do sector.

"Estes premios insírense na defensa que facemos desde a Deputación da Coruña de que a cultura é un dereito, non un ornamento, non un accesorio para un día, para unha festa. Precisamos a cultura todos os días, alimentámonos dela, como identidade, como memoria, como patrimonio, como innovación, como transformación social, como análise crítica da realidade, como descuberta creadora, como xeito de estar no mundo e nos proxectar tamén no exterior", defendeu Goretti Sanmartín na súa intervención.

Destacou tamén a importante presenza de mulleres entre as premiadas, como Anna Alfaya que recibe o Raíña Lupa (a segunda que gaña este certame despois de Marilar Aleixandre), Eli Ríos no González Garcés, Dolores Torrano no Torrente Ballester en español, Su Garrido no Premio Narf ou tres mulleres como Rosa Fernández, María Carme Vilalba e Carla Canedo no Antón Fraguas de artesanía, nomes que se suman aos de Mª Xosé Queizán e Antía Cal que recibirán o vindeiro día 19 o premio honorífico Otero Pedrayo convocado polas catro Deputacións e a Xunta de Galicia, e que nesta edición organiza a Deputación da Coruña.

Narrativa, literatura infantil e xuvenil, música, artes gráficas, poesía, banda deseñada, proxectos culturais pola igualdade, artesanía, música infantil e xuvenil e proxectos para a normalización lingüística son os distintos ámbitos que se premiaron nesta nova edición das convocatorias culturais da Deputación da Coruña.

PREMIOS

1.- XXX Torrente Ballester galego

Premiado: Xabier López López

Obra: "900"

De "900", a obra gañadora, unha novela que supera as 500 páxinas, o xurado destaca que se trata dunha " novela río dunha saga familiar narrada con intelixencia, ironía e mesmo humor". Define tamén a través do fallo a obra presentada por Xabier López como unha "novela sagaz, cervantina que percorre a historia de Galiza e Europa desde o século XIX até mediados até a posguerra de mediados do pasado século".

2.- XXX Torrente Ballester castelán

Premiada: Dolores Torrano Vicente

Obra: "La Argentina que Dios quiere"

O xurado definiu a novela como "brillante, de grande ambición literaria e extraordinaria orixinalidade e, á vez, embebida na tradición recente da literatura latinoamericana". Segundo o xurado, a obra "recorda o estilo cortazariano. Áxil e de grandes personaxes e supón unha excepcional conexión España-Arxentina, ambientando maxistralmente a realidade de ambos os países".

3.- XXI Premio Raíña Lupa

Gañadora: An Alfaya

Obra: "O Grupo"

Finalista: Xosé García Rodríguez

Obra: "Revolución Detrito"

O xurado estima que a novela de An Alfaya é "unha proposta de lectura moi amena, un relato ben construído con personaxes ben traballados". A obra é, segundo o fallo do premio, "moi recomendable para o lectorado xuvenil e representa os conflitos tratados desde unha perspectiva de conciencia compartida".

Por outra banda, o xurado recoñece en Revolución detrito de Xosé García Rodríguez "unha narrativa áxil, unha historia engaiolante de resistencia da xente máis desfavorecida, a que ten que facer do lixo o seu modo de vida, contra a ditadura". Salienta tamén o sentido do humor e o ritmo da novela.

4.- Certame musical X Fran Pérez Narf

Premiados/as:

Primeira clasificada: Su Garrido Pombo

Segundo clasificado: Néboa

O xurado destacou as cualidades de todas as propostas, facendo fincapé, na "calidade, a emoción e o proxecto artístico" da gañadora, Su Garrido Pombo, que "herdou a maneira de cantar e o entusiasmo pola música da súa avoa nunha aldea de Fornelos de Montes que lle ensinou a cantar con dous anos".

5.- XIII Jesús Núñez de artes gráficas

Premiados/as:

Wieslaw Haladaj Obra: Appearance-22

O xurado destacou que a obra de Wieslaw Haladai ten un "alto nivel técnico e unha minuciosa elaboración coa que o autor conseguiu crear unha obra que a través do trazo amalgama imaxes nas que se descubre un mundo de rostros e miradas conmovedor". Definiron, desta maneira a obra como "un bosque de trazos nos que se adiviñan as imaxes humanas nunha creación que sobrepasa a mera peripecia técnica e incorpora outra máis contemporánea, un compromiso estraño coa figuración"

6.- XIX Premio González Garcés

Premiadas:

Eli Ríos Obra: Ningunha tortilla é mala

Finalista Silvia Penas Estévez Obra: Subministro

O xurado destaca que na obra de Eli Ríos, "hai unha poesía pictórica e secuencial, case minimalista que xoga coa metalingüística" e nela atopan tamén "humor e a retranca que, sen romper a profundidade do texto, o alixeira". "O texto ten a capacidade de conectar un mundo que vai do detalle ao universal, mediante un xogo lingüístico no que se vale dunha estética do silencio", apunta o fallo do xurado que fala dunha obra "moi sensorial que podería resumirse como o relato da elaboración dunha tortilla sinestésica como metáfora do desexo.

En canto á obra de Silvia Penas, o xurado apunta que "reflexa a poesía do cotián, co pano de fondo do mundo do traballo das mulleres; o texto utiliza o humor, atemperado pola boa linguaxe poética e pode considerarse unha actualización do mito da torre de marfil na que vivían os poetas".

7.-XIII Premio Castelao de banda deseñada

Premiado: Oliver Añón Lema Obra: Canción para afundir flores no mar

O xurado valorou que a obra gañadora é "graficamente impecable, moi ben debuxada, coherente, con bo uso do branco e negro". Destaca tamén a capacidade do autor de aproveitar "as posibilidades do medio a través da narración visual".

8.-II Premio Begoña Caamaño de proxectos culturais pola igualdade.

Premiadas: (ex aequo) Elas tamén pintan / Implicadas no desenvolvemento

Nesta segunda convocatoria do premio, o xurado destacou que as dúas candidaturas defenden, desde o ámbito da cultura, unha "perspectiva feminista cun grande impacto". Con respecto a Implicadas no Desenvolvemento, recoñéceselle "unha traxectoria sólida de vinte anos no ámbito da cooperación cultural, con proxectos de especial interese no encontro de culturas". Trátase, segundo anotan na explicación do fallo, dunha "proposta que crea pontes culturais mediante a relación de actividades de Galicia con colectivos do Sul, poñendo en cuestión as relacións de poder e hexemonía cultural".

En canto a "Elas tamén pintan" o xurado destaca "unha iniciativa promovida por xente nova que, mesmo cunha traxectoria aínda curta, presenta unha aposta clara nun ámbito moi novedoso e atractivo en que levan a ilustración ás rúas cunha presenza importante das mulleres e a implicación dos barrios en que actúan".

9.- XII Certame Antonio Fraguas

Premiadas:

Contemporánea: Rosa Fernández Iglesias/ Mª Carmen Villalba Caramés Obra: E miremo-las ondas/ Once cantigas do mar de Vigo

Tradicional: Carla Canedo Martinez Obra: Un sapo unha muller

"Un sapo, unha muller" é o título da obra coa que Carla Canedo, con obradoiro na Coruña, se fixo co premio na modalidade de tradicional. Trátase dunha peza de orfebrería, realizada en filigrana tradicional compostelá con prata de lei e acibeche da que o xurado destacou a súa "execución axustada ao modelo tradicional do sapo, a calidade técnica na realización da peza e a innovación na presentación e tratamento do acibeche".

En canto á modalidade de contemporánea, o premio recaeu na obra "E miraremo-las ondas. Once Cantigas do Mar de Vigo", un libro encadernado polas artesás rosa Fernández Iglesias e Mª Carmen Villalba, con taller en Betanzos, en vacún azul, lixado e pintado, gardas borde a borde da mesma pel e caixa en tea de seda. O xurado estimou que da obra, ademais da súa impecable execución, "a experimentación no soporte e a aposta por un oficio minoritario dentro do ámbito global da artesanía que pon en valor un formato en regresión como é o libro tradicional".

10.- III QUERO CANTAR de música infantil e xuvenil.

Premiados:

Pequenos Besbellos "Faite respectar"

Cortegadaos "Eu quero ser unha árbore"

O grupo Os Cortegadaos apostou en "Eu quero ser unha árbore" por unha canción en que defendían a necesidade de ter "os pés na terra" e a "cabeza no aire" mentres Pequenos Besbellos de Pontevedra fixeron un alegato contra o acoso escolar.

11.- Premio Rosalía de Castro de normalización lingüística

Premiados:

Pirilampo e Galipedia

O xurado estimou que o grupo Pirilampo merece o Rosalía de Castro "pola súa traxectoria consolidada no tempo de transmisión da lingua entre a xente miúda coa implicación das familias e das escolas".

Da Galipedia o xurado destaca a súa condición de ser "un proxecto dinámico, amplo e en constante actualización que chega e implica a moitos e diversos sectores da poboación e que promove a visibilización e o prestixio da nosa lingua, tanto dentro como fóra de Galiza".

Páxinas suxeridas