Estás en:Novas

A Deputación da Coruña aposta pola accesibilidade cun programa de formación para a institución e os concellos

"Di Coruña accesible" indicará despois dunha auditoría as medidas necesarias para eliminar barreiras

A Deputación da Coruña aposta pola accesibilidade cun programa de formación para a institución e os concellos

O programa de fomento da accesibilidade "Di Coruña accesible", promovido pola área de Igualdade e Servizos Sociais da Deputación da Coruña, continúa a desenvolverse con accións formativas en que participan persoal da institución e dos concellos. O espazo urbano e a edificación foi o tema da celebrada este venres na sede da Deputación da Coruña.

A Deputación da Coruña acolleu este venres unha sesión formativa en materia de accesibilidade dentro do programa "Di Coruña accesible", dedicada nesta ocasión ao espazo urbano e a edificación.

A finalidade de "Di Coruña Accesible" é que todas as áreas e actuacións que se desenvolvan desde os organismos teñan en conta a accesibilidade como unha variable transversal. A deputada de Igualdade e Servizo Sociais, Ánxela Franco, destaca que o proxecto está a identificar as necesidades e "poñer enriba da mesa as discriminacións, facilitar o acceso aos servizos públicos aos veciños e veciñas, establecer medidas que solucionen a situación ademais de implementar directrices e proporcionar asesoramentos e ferramentas ao persoal da institución". Ánxela Franco destacou que a Deputación ten que ser "referente en que os concellos se vexan reflectidos nesta materia imprescindible para a igualdade".

O programa formativo está dirixido a persoal da propia institución e os concellos como forma de sensibilización e especialización en materia de accesibilidade. Diego Piñeiro e Jano Rodríguez, especialistas no tema e membros do equipo de traballo de Combina Social, adxudicataria do proxecto e empresa participada pola Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI), son os responsábeis de impartir as accións que teñen como obxectivo trasladar a idea da necesidade de traballar para a accesibilidade desde as administracións.

O Plan de fomento da accesibilidade na Deputación Provincial leva executándose dende o pasado mes de febreiro de 2018 e no programa de actuacións realizáronse auditorías a todos os edificios e equipamentos da institución xunto con 5 sesións de sensibilización e participación para o persoal.

Entre os meses de novembro e decembro estase a desenvolver a fase formativa que comprende cinco sesións. O próximo día 20 terá lugar a última do ciclo que versará sobre accesibilidade na edificación e que terá lugar tamén na Sala Juanjo Gallo da Deputación, despois de que con anterioridade se tratasen temas como o deseño universal, a comunicación accesible ou o marketing inclusivo. Máis de 80 persoas dos concellos e a propia Deputación participan no programa formativo.

Persoal técnico dos concellos de Narón, Oleiros, Carballo, Valdoviño, Bergondo e Cambre asistiron á que se desenvolveu este venres na Deputación.

Para máis información están activas tanto a páxina web do proxecto (www.dicorunaaccesible.gal) como as redes sociais do mesmo:
https://www.facebook.com/DiCorunaAccesible/
https://twitter.com/DiCAccesible
https://plus.google.com/102238282159988291445

As persoas interesadas poden darse de alta na área privada da web para acceder a toda a información e documentación de cada unha das actividades realizadas ao longo do proxecto.

A documentación traballada durante as sesións completarase con diferentes guías e manuais con recomendacións para a inclusión de criterios de accesibilidade en todas as áreas e actuacións.

O programa de fomento da accesibilidade dará lugar a unha auditoría completa da institución provincial xunto cunha Guía de recomendacións para a incorporación da accesibilidade.

Despois deste estudo, a Deputación da Coruña priorizará e implementará as medidas necesarias para a mellora da accesibilidade na propia institución.

Páxinas suxeridas