Estás en:Novas

A Deputación da Coruña avanza no apoio ao audiovisual galego con varias liñas novas para produción e distribución

O balance do ano é unha achega de máis de 600.000 € para a promoción do sector

A Deputación da Coruña avanza no apoio ao audiovisual galego con varias liñas novas para produción e distribución

Apoio á distribución de novas películas como Trote de Xacio Baño, axuda á produción de longametraxes como Arima de Jaione Camborda ademais de fortalecemento de programas como Visións da Rede Cultural e das liñas de subvención para festivais sitúan á Deputación da Coruña como institución de referencia no apoio á creación audiovisual. A vicepresidenta e responsábel da área de Cultura asinou tamén o convenio coa Academia Galega do Audiovisual para a colaboración na organización de iniciativas do sector.

O Programa Visións da Rede Cultural, o apoio aos festivais do sector audiovisual, a liña de apoio á distribución e exhibición de contidos en lingua galega, a colaboración con proxectos singulares ou a axuda a entidades do sector son algunhas das liñas de apoio da área de Cultura da Deputación da Coruña á promoción da creación audiovisual galega que neste ano 2018 deron un paso adiante significativo situándose como referente de axudas públicas ao sector. En total, a Deputación da Coruña destina máis de 600.000 € ao fortalecemento do audiovisual galego.

"Fixemos un esforzo importante centrado de maneira especial na distribución, que é o ámbito de traballo que nos permite colaborar directamente con concellos e entidades. Desta maneira, o programa Visións da Rede Cultural, a nova liña de distribución de producións galegas e o apoio decidido a festivais supoñen varias vías de colaboración que contribúen á que os contidos audiovisuais abran novas vías de encontro co público", sinala a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei.

Proxeccións nos concellos a través de Festivais e Visións

A área de Cultura que dirixe Goretti Sanmartín Rei impulsou, neste sentido, a creación do programa "Visións" da Rede Cultural co obxectivo de difundir contidos audiovisuais na programación cultural dos concellos. Nesta última edición do circuíto cultural proxectáronse 157 filmes dos que 81 correspondíanse con producións galegas. O orzamento do programa foi de 111.210 euros dos que 66.827 € foron a achega da Deputación da Coruña á liña de proxeccións audiovisuais.

O apoio a festivais audiovisuais organizado por concellos e entidades supón tamén unha importante liña de promoción da difusión, de maneira especial das novidades na produción cinematográfica galega. Festivais como Cineuropa, Curtucircuito ou Mostra Internacional de Cinema Etnográfico de Santiago, Cinema Crianza de Ames, Carballo Inteplay, Mares da Fin do mundo de Carnota, Mostra de curtametraxes Vila de Noia, Chanfaina Lab de San Sadurniño, Festival de Cinema Premios Fouciño de Zas, Mostra Internacional de Cinema Periférico S8 e Festival de Cinema Fantástico da Coruña recibiron nas edicións do 2018 un total de 350.000 € nas dúas liñas de apoio da Deputación da Coruña, unha para os festivais organizados por concellos e outra para os promovidos por entidades.

Novidade deste ano foi a nova liña destinada á distribución de producións audiovisuais pola que ampliarán o número de pantallas e o acceso ao público películas como Trote, A batalla descoñecida, Memorias dun home en pixama, A Estación violenta, Sicixia ou O soño de papá. A área de Cultura da Deputación da Coruña destinou 124.000 euros nesta primeira convocatoria dunha iniciativa pioneira dirixida directamente á difusión de contidos audiovisuais. "Responde á necesidade de difusión de produtos audiovisuais en lingua galega e nace do recoñecemento do campo audiovisual como ámbito estratéxico de creación de contidos culturais", destaca Goretti Sanmartín desta nova liña que foi especialmente aplaudida desde o ámbito da produción do sector.

As produtoras atoparon tamén na nova liña de axudas a proxectos singulares unha vía de apoio da que se beneficiaron para o desenvolvemento de longametraxes como Arima de Jaione Camborda, De Mudanza. A historia das persoas de I.G. Documentación, O dentón de Illa Bufarda, As tres caídas de María Santiso de Roberto Rodríguez ou Ursúas de Laura Villaverde para os que se destinan máis de 50.000 €.

A Deputación colabora tamén coa Academia Galega do Audiovisual contribuíndo ao financiamento da organización dos Premios Mestre Mateo e María Luz Morales de ensaio sobre o audiovisual e na elaboración do estudo e informe previo para o desenvolvemento da oficina de xestión de permisos de gravacións e rodaxes audiovisuais da provincia da Coruña. A colaboración da Deputación é de 25.000 € a través dun convenio que veñen de asinar Goretti Sanmartín e o presidente da Academia Galega do Audiovisual, Carlos Ares.

Páxinas suxeridas