Estás en:Novas

A Deputación da Coruña colabora co mantemento da casa de acollida de Ferrol

As instalacións deron acubillo neste 2018 a 13 mulleres en situación de violencia machista

A Deputación da Coruña colabora co mantemento da casa de acollida de Ferrol

A Deputación da Coruña contribúe ao mantemento da casa de acollida para mulleres en situación de violencia machista de Ferrol a través dun convenio de colaboración que asinaron a deputada de Benestar Social, Educación e Políticas de Igualdade de Xénero, Ánxela Franco, e a concelleira de Mocidade, Benestar Social, Igualdade e Muller, Sainza Ruíz. A casa acolleu neste ano 13 mulleres con idades comprendidas entre os 23 e os 61 anos.

A deputada Ánxela Franco e a concelleira Saínza Ruíz asinaron un convenio para financiar a casa de acollida polo que a Deputación fai unha achega de 32.569,77 € para o seu mantemento xeral.

Na sinatura do convenio, a deputada Ánxela Franco destacou " a importancia dun recurso como a casa de acollida para que as mulleres se sintan seguras no momento máis difícil no que precisan ter un espazo protexido cando máis o precisan".

A deputada destacou o compromiso da Deputación da Coruña á hora de manter a rede de recursos contra a violencia machista pola que a institución recibiu este ano o premios de Boas Prácticas da Secretaría de Estado de Igualdade e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). "Para nós a loita contra a violencia machista é unha das trabes da nosa actuación no goberno da Deputación no que botamos a andar, de maneira especial, programas dirixidos á xente nova para erradicar o machismo, clave para conseguir poñer fin ao feminicidio que padecemos", dixo Ánxela Franco.

A casa de acollida está destinada a dar aloxamento de forma temporal e con carácter de urxencia a mulleres en situación de violencia machista e persoas que dependen delas.

O centro acolleu no ano 2018 un total de 12 mulleres con idades que van dos 23 aos 61 anos. A media de idade sitúase nos 36 anos e, segundo datos proporcionados pola xestión do centro, o 92% das mulleres non remataron os estudos básicos e un 84% estaban en situación de desemprego. Das mulleres que fixeron uso do recurso ao estar en situación de violencia machista, o 62% tiñan fillos menores ou persoas dependentes a cargo.

O programa de apoio á rede de acollemento para mulleres en situación de violencia de xénero da Deputación da Coruña leva en funcionamento dende 1992 e inclúe colaboración técnica e económica da institución provincial a casas de acollida e vivendas tuteladas na Coruña, Ferrol e Culleredo, nas que Deputación reserva un 31 % das prazas para mulleres vítimas da violencia de xénero procedentes de calquera municipio da provincia. No caso da casa de Ferrol, a reserva é de tres prazas.

Páxinas suxeridas