Estás en:Novas

O Plan único da Deputación financia con 417.765 euros as obras de remodelación do campo de fútbol de Fontenla, en Santa Comba

Publicouse a licitación das obras, que inclúen a dotación dun novo terreo de xogo céspede artificial, novos sistemas de rega e drenaxe e a conexión das torres de iluminación

O Plan único da Deputación financia con 417.765 euros as obras de remodelación do campo de fútbol de Fontenla, en Santa Comba

A Deputación da Coruña, a través do Plan único (POS+2018), financia con 417.765,79 euros as obras de remodelación e mellora do campo de fútbol de Fontenla, en Santa Comba.

As obras, que veñen de saír a licitación na Plataforma de Contratación do Sector Público, suporán a substitución do actual terreo de xogo de herba natural por un novo céspede sintético de última xeración, lastrado con area e cargado con caucho; así como a instalación de novas redes de rega e drenaxe, a conexión das torres de iluminación xa existentes á rede eléctrica do complexo e a dotación de novo equipamento deportivo (porterías de fútbol, bandeirolas, bancadas, etc.).

O novo terreo, de herba artificial de alta resistencia lastrada con area de sílice e caucho, terá unhas dimensións de 100 metros de longo por 60 de ancho, máis un espazo de 1,5 metros nas bandas laterais e 2,5 m. nos fondos. Contará con varanda de aluminio no perímetro e permitirá tanto a práctica do fútbol 11 coma do fútbol 7.

Os traballos inclúen ademais a construción dunha nova rede de drenaxe do campo con cano perimetral de formigón cuberto por reixa de aceiro galvanizado e unha rede de rega con seis aspersores de alta presión controlada a distancia e programable.

Finalmente dotarase ao campo de novo equipamento deportivo con porterías regulamentarias para fútbol 11 e 7 coas súas redes correspondentes, bancadas cubertas de estrutura metálica, metacrilato e madeira e picas de córner con soporte de caucho flexible.

A nova instalación permitirá un uso máis intensivo do campo cun menor mantemento e facilitará as condicións de xogo.

Cun investimento histórico de 243 millóns de euros no período 2017-2019, o Plan único (POS+) da Deputación da Coruña financia actualmente a execución de 1.146 obras nos 93 concellos da provincia da Coruña. Delas, 70 son obras de mellora en instalacións culturais ou deportivas

Páxinas suxeridas