Estás en:Novas

A Deputación e o Concello de Oleiros invisten 455.000 euros nas obras de construción de beirarrúas na rúa Golfiño de Lorbé (Oleiros)

As obras, que acaban de saír a licitación, suporán unha importante mellora da seguridade peonil nun tramo de case dous quilómetros da estrada AC-163

A Deputación e o Concello de Oleiros invisten 455.000 euros nas obras de construción de beirarrúas na rúa Golfiño de Lorbé (Oleiros)

A Deputación da Coruña e o Concello de Oleiros investirán 455.020,52 euros nas obras de construción de beirarrúas nun tramo de preto de 2 quilómetros na estrada AC-163, á altura da rúa Golfiño, en Lorbé.

As obras, que veñen de saír a licitación na Plataforma de Contratación do Estado, contemplan para o seu financiamento unha achega provincial de 239.254,30 €, articulada a través do Plan único (POS+2018) e outra do municipio oleirense por importe de 215.766,22 € e permitirán a construción dun itinerario peonil seguro entre os puntos quilométricos 7+050 (á altura da Casa do Pobo de Lorbé) e o 8+800, no límite municipal de Oleiros.

A estrada AC-163 conecta Mera con Sada pasando por Lorbé, Veigue e Fontán, entre outros núcleos. As conexións que ofrece a vía, as curvas e falta de visibilidade nalgúns puntos e a importante afluencia dalgúns restaurantes e establecementos existentes na zona fan necesario mellorar a seguridade viaria na zona coa construción de novas beirarrúas nos tramos onde non existen na actualidade.

O proxecto contempla a execución de beirarrúas na marxe impar do tramo comprendido entre a Casa do Pobo de Lorbé e o restaurante Casa Méndez e na marxe par do tramo que vai dende este punto até a fin do termo municipal, adaptándose ás liñas que marca o PXOM onde sexa posible, en base ás cesións obtidas trala negociación do Concello de Oleiros cos veciños de Lorbé, ou dentro das franxas dos oito metros dende o eixo da estrada, nos casos nos que non se obtiveran as cesións correspondentes.

Nos tramos onde as dimensións o permitan, habilitarase un espazo para aparcadoiro. Prevese tamén a canalización da rede de pluviais no tramo onde se construirán as beirarrúas.

Páxinas suxeridas