Estás en:Novas

A Deputación espalla 246 toneladas de sal contra as xeadas nas estradas da provincia

Nos primeiros sete días do ano actuouse en 1.282 quilómetros, máis da metade dos 2.100 cos que conta a rede provincial

40 operarios traballan a diario para garantir as condicións de seguridade viaria nas estradas coruñesas

A Deputación ten o operativo invernal activado ante a previsión de que se incremente a ola de frío nos vindeiros días e recomenda extremar a precaución na estrada

A Deputación espalla 246 toneladas de sal contra as xeadas nas estradas da provincia

A Deputación da Coruña espallou entre o 1 e o 7 de xaneiro un total de 246 toneladas de sal nas estradas provinciais máis afectadas polas intensas xeadas dos últimos días e nos tramos nos que previsiblemente se podan formar placas de xeo.

As actuacións leváronse a cabo nun total de 1.282 quilómetros, máis da metade dos 2.100 quilómetros cos que conta a rede provincial, e no total das cinco zonas nas que se divide o mapa da provincia para os efectos de mantemento de estradas.

Os datos foron facilitados esta mañá polo deputado responsable da área de Vías e Obras da Deputación, José Manuel Pequeño, que destacou que estes labores de prevención seguen desenvolvéndose durante todo o día- con maior frecuencia pola noite e primeiras horas da mañá e nos tramos onde se producen xeadas de maior intensidade- e pretenden axudar a garantir a seguridade nas estradas provinciais, aínda que recomendou aos condutores "extremar a prudencia" ante as previsións meteorolóxicas que avanzan que a ola de frío se intensificará nas vindeiras xornadas, unha circunstancia para a que os servizos de Vías e Obras da Deputación "están preparados".

Pequeño Castro apuntou que o departamento de Vías e Obras da Deputación inviste cada ano 1 millón de euros para dispor dun servizo de actuacións urxentes que funciona as 24 horas do día, dando unha resposta eficaz e inmediata a calquera incidencia e que inclúe labores preventivas coma garantir a viabilidade da rede de estradas durante a tempada invernal, cando se acumula neve ou xeo.

Cada unha das cinco zonas nas que se divide o mapa da provincia conta cunha brigada composta por entre 6 e 8 operarios e maquinaria axeitada para atender este servizo.

A Deputación agradece a colaboración cidadá para dar avisos de formación de placas de xeo nas estradas a través do 112, os concellos da provincia ou do servizo de Vías e Obras da Deputación.

Páxinas suxeridas