Estás en:Novas

A Deputación da Coruña apoia o desenvolvemento de proxectos culturais singulares e a difusión audiovisual en galego

Suma dúas novas convocatorias ao mapa de liñas de axuda da área de Cultura

A Deputación da Coruña apoia o desenvolvemento de proxectos culturais singulares e a  difusión audiovisual en galego

A área de Cultura da Deputación da Coruña suma hoxe ás oito liñas xa publicadas as bases da convocatoria de proxectos singulares de especial interese cultural e a dirixida á empresas audiovisuais para a distribución, comercialización e exhibición audiovisual en lingua galega para os que destina 200.000 e 125.000 € respectivamente.

A área de Cultura da Deputación da Coruña consolida dúas novas liñas que o pasado ano se convocaron por vez primeira dirixidas a empresas do sector cultural. O Boletín Oficial da Coruña deste mércores día 9 de xaneiro publica as bases da convocatoria de subvencións para entidades lucrativas para a produción de proxectos singulares de especial interese cultural e tamén para empresas audiovisuais que contribúan á difusión de produtos en lingua galega.

"Súmanse estas dúas novas liñas de axuda ás oito xa publicadas onte e que tiñan como destinatarias asociacións do tecido cultural e concellos. Neste caso, estas dúas novas liñas van dirixidas a empresas e queren apoiar proxectos de especial interese por unha banda e, pola outra, colaborar en superar unha irregularidade tremenda que é a ausencia do galego nas pantallas", explica a vicepresidenta e deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei.

A liña de axudas destinada a apoiar proxectos singulares convócase por segunda vez consecutiva, despois de que no pasado ano contribuíse ao desenvolvemento de dezaoito iniciativas entre as que se atopaba unha proposta integral para visibilizar as mulleres na historia, un festival arredor do mar, un repositorio documental, unha plataforma de performance, unha orquestra de malabares ou unha revista dixital. Nesta nova edición, a área de Cultura da Deputación destina a este obxectivo unha partida de 200.000 € que se distribuirán en axudas cun mínimo de 2.500 e un máximo de 30.000 €.

A convocatoria contempla que será obxecto do programa os proxectos que desenvolvan propostas artísticas ou culturais en lingua galega de interese para o desenvolvemento cultural a través da achega de valor engadido de carácter social, patrimonial ou artístico.

Por outra parte, a liña de axudas para empresas audiovisuais para apoiar a distribución comercialización e exhibición audiovisual en lingua galega está dotada con 125.000 € que se distribuirán en axudas que irán desde os 1.500 aos 30.000 €. Con esta convocatoria búscase "axudar a garantir a posibilidade de acceso a filmes, documentais e películas" en galego.

A liña de apoio á difusión súmase a outras iniciativas da área de Cultura da Deputación da Coruña para afortalar o sector audiovisual como son o Programa Visións da Rede Cultural, o apoio aos festivais do sector audiovisual, a colaboración con proxectos singulares ou a axuda a entidades do sector ás que o pasado ano destinou máis de 600.000 euros.

As dúas novas liñas de axudas publicadas hoxe e dotadas con 325.000 € súmanse ás oito que recollía o BOP deste martes día 8 de xaneiro e que sumaban tres millóns de euros. En breve, o mapa de liñas de axudas completarase coa publicación das destinadas á contratación de persoal xestión cultural e animación sociocultural. "Conseguimos consolidar unha estrutura de axudas completa que responde á nosa vontade de apoiar o tecido cultural de maneira transparente e con criterios obxectivos", explica Goretti Sanmartín Rei.