Estás en:Novas

O Plan Único inviste 523.000 € na pavimentación de 8 quilómetros de camiños e pistas municipais en Ordes

As obras, que veñen de saír a licitación, permitirán mellorar 19 camiños rurais da localidade

O Plan Único destinou o ano pasado 11 millóns para financiar obras de mellora de servizos básicos (pavimentación e saneamento) nos concellos da comarca de Compostela

O Plan Único inviste 523.000 € na pavimentación de 8 quilómetros de camiños e pistas municipais en Ordes

O Plan Único (POS+2018) da Deputación da Coruña investirá 523.457,26 euros para financiar as obras de pavimentación e mellora dun total de 8 quilómetros camiños, pistas e estradas de titularidade municipal no termo municipal de Ordes. Este investimento inclúe unha achega municipal de 47.000 euros.

As obras, englobadas en tres proxectos que veñen de saír a licitación no Plataforma de Contratación do Estado, contemplan traballos de roza da maleza, limpeza de gabias, reparación de fochancas, rasanteo, mellora de sinalización e pavimentación con grava e tratamento asfáltico en 19 camiños fundamentalmente rurais da localidade.

Os camiños municipais que se repararán con fondos do Plan Único son a pista Souto- Pedre- AC 409, a pista de acceso dende Cruceiro á Igrexa, as pistas de acceso a Vilar e Seixo (ZCP Mercurín), o camiño de Pardiñas (Poulo), o camiño da N 550 a Folgueira (Ardemil), pavimentación en Adina (Ardemil), acceso exterior a Menlle (Leira), Cruceiro (Poulo) e Xermiñas (Lesta), camiño de Cestaños ao límite con Tordoia pola ponte, viais na rúa (Poulo), pista dende a Igrexa á estrada de Pontecarreira (Pereira), estrada de Soutozar a Aldea de Abaixo (Pereira), pista de Faramilláns ao límite con Vilarmaior, pista principal de Mandaios a Baltares, e rúa Boavista (Ordes).

Inclúese nos proxectos a construción dunha pequena senda peonil de 120 metros da N 550 Barreiro a Fonte, que contará cun pequeno muro de contención de terras, varanda metálica e bionda de protección para os peóns.

Na zona Compostela foron doce os concellos que o ano pasado decidiron destinar a totalidade dos investimentos do Plan Único á mellora das súas infraestruturas viarias e redes de abastecemento e saneamento, unha elección que amosa a necesidade de financiamento para estes servizos básicos. Este foi o caso de Ordes, pero tamén de Boimorto, Boqueixón, Dodro, Frades, Melide, Rois, Santiso, Toques, Touro, Trazo e Val do Dubra.

11 millóns para servizos básicos na comarca de Compostela

O Plan Único da Deputación da Coruña destinou en 2018 un total de 10,93 millóns de euros para realizar 104 obras de mellora de camiños municipais e das redes de saneamento e abastecemento de auga nos concellos da comarca de Compostela.

Este tipo de investimentos foron os máis solicitados polos concellos desta zona, dentro do novo plan provincial. Dos 27,5 millóns de euros que destina o Plan Único á comarca en 2018, as obras de pavimentación, acondicionamento de camiños e saneamento supoñen unha porcentaxe de preto do 40%.

En canto a número de obras, a porcentaxe é aínda máis elevada, xa que das 125 obras que se executan na comarca con cargo ao POS+2018, 104 (o 83%) pertencen a estas categorías.

A Deputación contribúe a mellorar servizos básicos no rural

Aumentar as redes de abastecemento de augas, dotar de saneamento a núcleos rurais que carecen del, crear beirarrúas en estradas transitadas por peóns ou pavimentar camiños en mal estado serán algunhas destas obras destinadas a mellorar os servizos básicos nos concellos rurais da provincia.

Dende a súa creación en 2017, o Plan Único permite aos concellos unha flexibilidade total á hora de investir os fondos que lles asigna a Deputación. "En lugar de propoñer unhas axudas específicas, a Deputación permite aos concellos escoller as súas prioridades", explicou o presidente provincial, Valentín González Formoso, que sinalou que a institución "xoga un papel fundamental para axudar aos concellos a ofrecer máis e mellores servizos públicos fundamentais, financiando obras que moitas veces os municipios rurais non poderían acometer por si mesmos".

Neste sentido, o Plan Único permite paliar a carencia de axudas específicas para servizos que os concellos están obrigados a subministrar, coma as redes de sumidoiros ou o acceso aos núcleos de poboación, permitíndolles aos municipios destinar os fondos que estimen necesarios a estas actuacións.

Páxinas suxeridas