Estás en:Novas

A Deputación da Coruña financia a contratación de persoal de normalización lingüística nos concellos

Destina 480.000 euros á convocatoria para creación, mantemento e reforzo dos servizos municipais de promoción do galego

A Deputación da Coruña financia a contratación de persoal de normalización lingüística nos concellos

A área de Lingua da Deputación da Coruña destina un total de 480.000 euros á creación, mantemento e reforzo dos servizos de Normalización Lingüística dos concellos, mancomunidades e entidades locais da provincia. Os concellos poderán optar tamén ao programa "Lingua á escena" da Rede Cultural da Deputación.

O BOP publica este xoves 10 de xaneiro as bases da convocatoria que posibilitará que os concellos de máis de 5.000 habitantes poidan acceder a unha axuda de 12.000 euros para financiar as retribucións do persoal técnico dos Servizos de Normalización Lingüística (SNL) para o que a área de Lingua da Deputación da Coruña destina un total de 480.000 €.

A vicepresidenta da Deputación e responsable da área de Normalización Lingüística, Goretti Sanmartín, lembra que esta liña duplicou o seu orzamento nos últimos anos, tanto na cantidade xeral como no destinado a cada concello, "porque consideramos que o papel que desenvolven os servizos de normalización é fundamental para avanzar o proceso de normalización lingüística", destaca.

A liña ten como obxectivo contribuír ao financiamento de contratacións de persoal técnico para a profesionalización da promoción do galego nos concellos. As bases da convocatoria contemplan que a contratación se fará mediante un proceso selectivo no que se avalíen os coñecementos e as capacidades técnicas e prácticas das persoas candidatas para o desenvolvemento das funcións do posto.

Entre as funcións dos Servizos de Normalización Lingüística recóllense asesorar á administración na procura do incremento do uso e prestixio da lingua, velar polo cumprimento da lexislación, emitir informes para incorporar accións normalizadoras, fomentar o uso do galego no conxunto da sociedade ou propoñer programas dinamizadores, entre outras.

A liña súmase a outras iniciativas que teñen como obxectivo a normalización do galego desde os concellos como o programa "Lingua a escena!" da Rede Cultural da Deputación da Coruña que se convocou por vez primeira o pasado ano co obxectivo de contribuír á dinamización da lingua galega. "Con este programa buscamos ofrécense espectáculos e propostas que teñen a dinamización lingüística como obxectivo para que se poidan programar polos concellos e axudar á normalización, en especial, das xeracións máis novas", destaca Goretti Sanmartín que é responsábel da área de Normalización Lingüística e Cultura da Deputación da Coruña. .

 Máis información sobre a convocatoria na seguinte ligazón: http://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2019/01/10/2019_0000000051.html