Estás en:Novas

A Deputación da Coruña destina 163.556 euros a un proxecto para dotar ao Camiño Inglés de 24 fontes de auga potable

Ademais da recuperación de fontes e mananciais, o proxecto contempla a creación de envases metálicos reutilizables para os peregrinos, que contribuirán a rebaixar a pegada de carbono ao substituír a auga embotellada en plástico

González Formoso destaca a importancia medioambiental da iniciativa, que se desenvolverá nos 18 concellos deste itinerario xacobeo

O proxecto piloto conta cun orzamento global de 973.408 € que inclúe financiamento europeo e de diversas institucións e entidades locais

A Deputación da Coruña destina 163.556 euros a un proxecto para dotar ao Camiño Inglés de 24 fontes de auga potable

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, asinou hoxe o convenio polo que a Deputación da Coruña participará no proxecto Life Water Way, unha iniciativa cofinanciada pola Unión Europea e diferentes administracións para recuperar 24 fontes e mananciais tradicionais ao longo do percorrido do Camiño Inglés, garantindo as condicións sanitarias da auga para o consumo humano.

Dentro das súas accións de apoio e promoción do Camiño Inglés, a Deputación da Coruña é a administración local que realiza a maior achega económica para impulsar este proxecto piloto, que contará cun orzamento total de 973.408 euros, dos que 369.552 proveñen de fondos europeos e os restantes 603.856 € serán achegados pola Deputación (163.556 €), Augas de Galicia (147.579 €), a Consellería de Sanidade (90.471 €), o Concello de Abegondo (89.261 €), o Instituto Tecnolóxico de Galicia (75.981 €) e a Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos (37.008 €).

González Formoso celebrou "o traballo conxunto das distintas administracións que forman parte deste proxecto, que permitirá que os peregrinos atopen unha fonte de auga potable cada 6 quilómetros" ao longo deste itinerario xacobeo, que ten saída tanto dende Ferrol coma dende A Coruña e atravesa un total de 18 concellos: Ferrol, Narón, Neda, Fene, Cabanas, Pontedeume, Miño, Paderne, Betanzos, Abegondo, A Coruña, Culleredo, Cambre, Carral, Mesía, Ordes, Oroso e Santiago.

Repercusión socioeconómica e medioambiental da iniciativa

Ademais do impacto socioeconómico que ten nestes municipios o incremento continuo de peregrinos que percorren o Camiño Inglés, o presidente da Deputación subliñou tamén a "repercusión a nivel medioambiental da iniciativa", xa que se estima que a pegada de carbono da auga embotellada consumida polos peregrinos desta ruta xacobea é equivalente á que se xeraría se se desprazasen individualmente en coche dende A Coruña a Santiago.

Para fomentar esta rebaixa no consumo da auga embotellada en plástico e fomentar un consumo máis responsable, o proxecto contempla tamén a creación, produción e distribución de envases metálicos reutilizables – decorados coa imaxe do proxecto Life Water Way- para que os peregrinos poidan enchela repetidas veces ao longo do itinerario.

Así o explicou o deputado responsable da área de Turismo da institución provincial, Xosé Regueira, que destacou a importancia dun proxecto que "ademais de recuperar as fontes naturais aposta por un modelo máis sustentable nun dos principais atractivos turísticos de Galicia como é o Camiño de Santiago".

Este proxecto piloto, que xa está en marcha desenvolverase ata 2021 e ao seu remate realizaranse diversas accións de avaliación do impacto socioeconómico e medioambiental deste, co obxectivo de estudar a súa posible extensión ás 185 fontes coas que contan os tramos do Camiño que discorren por territorio galego e a outros itinerarios culturais da Unión Europea, que experimentan un importante incremento de visitantes.

Para máis información:

https://lifewaterway.eu/

Mapa do itinerario e fontes:

https://www.google.com/maps/d/viewer?mid=1Xbn4YTrayzBKkfd-eTxTd4MN118&usp=sharing

Páxinas suxeridas