Estás en:Novas

A Deputación da Coruña reforza a Rede Cultural que se abre a todas as compañías da cultura galega

A Deputación da Coruña reforza a Rede Cultural que se abre a todas as compañías da cultura galega

O vindeiro 17 de xaneiro rematará o prazo para inscribir espectáculos na Rede Cultural da Deputación da Coruña na que, por vez primeira poden participar todas as compañías e agrupacións culturais galegas. A área de Cultura da Deputación destina este ano máis de dous millóns de euros a un circuíto que o pasado ano programou case dous mil espectáculos e proxeccións.

Todas as compañías de teatro e danza, grupos musicais e empresas audiovisuais da cultura galega poderán concorrer por vez primeira á Rede Cultural da Deputación da Coruña que bota a andar unha nova edición mellorada, na liña do reforzamento que os últimos anos experimentou o circuíto cultural que duplica orzamento desde o inicio do actual goberno. Nesta nova edición, contémplase un investimento de 2.060.000 euros da Deputación, cantidade que se incrementará coa achega dos concellos o que supón consolidar o programa que leva actuacións culturais a todo o territorio dos municipios da Coruña.

Ata o día 17 de xaneiro é o prazo aberto para que as compañías e agrupacións galegas inscriban os seus espectáculos no circuíto cultural que conta con catro programas, "Escena ao vivo", "Visións", "Alicerce" e "Lingua a escena!". "A aposta pola Rede Cultural supón apoiar programación cultural de calidade en todos os concellos e materializar o noso lema de "A Cultura é un dereito", destaca a vicepresidenta e responsábel da Área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei para quen o programa supón tamén unha importante contribución á difusión da produción cultural e á consolidación do sector coa creación de emprego.

A Rede da Deputación da Coruña artéllase en catro programas con identidade propia: "Escena ao Vivo!" que acolle espectáculos teatro, monicreques, maxia, danza e música de compañías e artistas profesionais; o programa "Visións" de cinema e contidos audiovisuais tamén de categoría profesional para concellos; "Alicerce", para a categoría non profesional e, de nova creación, "Lingua á escena!" destinado á promoción do galego a través da cultura con espectáculos específicos orientados á dinamización social da nosa lingua nas programacións dos concellos.

A convocatoria incorpora tamén novidades no camiño da profesionalización da xestión cultural e da mellora das condicións de produción e distribucións dos espectáculos, tanto para o público como para as compañías e profesionais que participan na Rede Cultural. "Apostamos polas boas prácticas no mundo da cultura e, nese sentido, un programa fundamental como é o noso circuíto tiña que implementar todas as melloras que defendemos, ofrecendo calidade tamén na xestión e no desenvolvemento dos espectáculos, con algunhas recomendacións recollidas do encontro con representantes dos sectores profesionais", explica a responsábel da área de Cultura.

"A Rede Cultural confírmase nas últimas edicións como un circuíto de especial relevancia para o sector cultural e esa opinión chéganos desde os concellos máis tamén desde as entidades e as compañías e empresas do sector", explica Goretti Sanmartín Rei arredor dun programa ao que Deputación da Coruña achega o 75% do orzamento para concellos de menos de 5.000 habitantes, o 60% para os que van dos 5.000 a 10.000 habitantes, 50% para os que contan cunha poboación de entre 10.000 e 20.000 habitantes, un 40% para os que van de 10 a 50.000 e un 30% aos que superan os 50.000 habitantes. Para entidades, a Deputación achega o 70% do orzamento das actuacións do programa "Alicerce".

Case dous mil espectáculos na anterior edición

Na pasada edición da Rede Cultural ofertáronse 1.359 espectáculos, número que é de agardar que medre neste ano ao desaparecer a limitación a compañías e artistas da provincia da Coruña. A achega da Deputación da Coruña o pasado ano ascendeu a 2.055.431,20 €, ao que hai que sumar a cantidade que provén dos concellos que programan. Con ese orzamento a Rede ofreceu un total de 1.794 espectáculos e proxeccións dos que a maior cantidade proviña do programa profesional "Escena ao Vivo" que promoveu 788 actuacións, 470 de teatro e monicreques, 252 de música profesional e 66 de danza.

A Rede converteuse tamén nun privilexiado espazo de distribución do audiovisual promovendo un total de 156 proxeccións nun ano en que máis de oitenta foron as solicitudes para a modalidade de recente creación "Lingua á escena". O programa Alicerces de actuacións culturais de compañías e grupos non profesionais moveu 545 actuacións para entidades sen ánimo de lucro e 224 para concellos. As bases da convocatoria pódense consultar na seguinte ligazón: http://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2019/01/03/2018_0000009838.html

Páxinas suxeridas