Estás en:Novas

O Plan Único da Deputación inviste 153.000 euros na pavimentación de camiños municipais en Muros

As obras, que veñen de saír a licitación, permitirán mellorar o acceso ao colexio público e o campo de fútbol de Louro e aos núcleos da Rateira (Abelleira) e Vistavós (Torea)

O Plan Único destinou o ano pasado 5,8 millóns para financiar obras de mellora de servizos básicos (pavimentación e saneamento) nos concellos da comarca da Barbanza

O Plan Único da Deputación inviste 153.000  euros na pavimentación de camiños municipais en Muros

O Plan Único (POS+2018) da Deputación da Coruña investirá 153.039 euros para financiar as obras de pavimentación e mellora nos camiños da Agra da Filgueira (Louro), A Rateira (Abelleira) e Vistavós (Torea), no termo municipal de Muros. Este investimento inclúe achegas provinciais por importe de 143.039 euros e unha achega municipal de 10.000 euros.

As obras, englobadas en dous proxectos que veñen de saír a licitación na Plataforma de Contratación do Estado, contemplan traballos de pavimentación e mellora do camiño municipal da Agra da Filgueira, que dá acceso ao colexio público e o campo de fútbol de Louro, así como nos camiños da Rateira (Abelleira) e Vistavós (Torea), cuxo  firme actual está en mal estado.

A intervención consistirá no acondicionamento e mellora do firme destes viais, a construción de gabias de lastros de granito para a recollida e evacuación de augas de escorrega, a disposición dos elementos de seguridade necesarios para o tránsito peonil e rodado, así como a mellora da accesibilidade coa supresión de barreiras para persoas con limitacións de mobilidade.

Aumentar as redes de abastecemento de augas, dotar de saneamento a núcleos rurais que carecen del, crear beirarrúas en estradas transitadas por peóns ou pavimentar camiños en mal estado son algunhas das obras do Plan Único obras destinadas a mellorar os servizos básicos nos concellos rurais da provincia.

Dende a súa creación en 2017, o Plan Único permite aos concellos unha flexibilidade total á hora de investir os fondos que lles asigna a Deputación. "En lugar de propoñer unhas axudas específicas, a Deputación permite aos concellos escoller as súas prioridades", explicou o presidente provincial, Valentín González Formoso, que sinalou que a institución "xoga un papel fundamental para axudar aos concellos a ofrecer máis e mellores servizos públicos fundamentais, financiando obras que moitas veces os municipios rurais non poderían acometer por si mesmos".

Neste sentido, o Plan Único permite paliar a carencia de axudas específicas para servizos que os concellos están obrigados a subministrar, como as redes de sumidoiros ou o acceso aos núcleos de poboación, permitíndolles aos municipios destinar os fondos que estimen necesarios a estas actuacións

Na zona da Barbanza, foron maioría os concellos os que decidiron destinar a totalidade dos investimentos do Plan Único á mellora das infraestruturas viarias e redes de abastecemento e saneamento, unha elección que amosa a necesidade de financiamento para estes servizos básicos. Este foi o caso de Boiro, Lousame, Mazaricos, Noia, Outes, Porto do Son e Ribeira.

5,8 millóns para servizos básicos na comarca da Barbanza

O Plan Único da Deputación da Coruña destinou o ano pasado un total de 5.850.327,45 euros para realizar 58 obras de mellora de camiños municipais e das redes de saneamento e abastecemento de auga nos concellos da comarca da Barbanza.

Este tipo de investimentos foron os máis solicitados polos concellos desta zona, dentro do novo plan provincial. Dos 11,5 millóns de euros que destina o Plan Único á comarca en 2018, as obras de pavimentación e saneamento supoñen unha porcentaxe de máis do 50%.

En canto ao número de obras, a porcentaxe é aínda máis elevada, xa que das 66 obras financiadas na zona con cargo ao POS+2018, 58 (o 87,8%) pertencen a estas categorías.

Páxinas suxeridas