Estás en:Novas

O Plan Único da Deputación inviste 190.000 euros na pavimentación de estradas e camiños municipais en Miño

As obras, que veñen de saír a licitación, permitirán mellorar o acceso á praia, a rúa Curro e ata sete camiños rurais do municipio

O Plan Único destinou o ano pasado 6,1 millóns para financiar obras de mellora de servizos básicos (pavimentación e saneamento) nos concellos da comarca coruñesa

O Plan Único da Deputación inviste 190.000  euros na pavimentación de estradas e camiños municipais en Miño

O Plan Único (POS+2018) da Deputación da Coruña investirá 190.170,91 euros para financiar as obras de pavimentación e mellora en máis de 6 quilómetros camiños, pistas e estradas de titularidade municipal no termo municipal de Miño. A este investimento hai que sumarlle unha achega municipal de 3.657 euros.

As obras, englobadas nun proxecto que ven de saír a licitación na Plataforma de Contratación do Estado, contemplan traballos de roza da maleza, limpeza de gabias, reparación de fochas, rasanteo, mellora de sinalización e pavimentación con lastro artificial e mestura bituminosa en quente en cinco parroquias da localidade: Bemantes, Callobre, Miño, Perbes e Carantoña e pretenden mellorar a seguridade e as condicións de circulación dalgunhas das principais vías de comunicación do concello.

As sete estradas e camiños municipais que se repararán e pavimentarán con fondos do Plan Único son a estrada de acceso á praia (onde se pintarán de novo as liñas de delimitación das prazas de aparcamento e se instalarán bandas reflectantes para mellorar a visibilidade), a rúa Curro e os camiños Tolda-Anismonde, Pousadoira-Granxa, A Fontenla-Carantoña, Camiño de Sambollo e a subida a Bermaño.

Aumentar as redes de abastecemento de augas, dotar de saneamento a núcleos rurais que carecen del, crear beirarrúas en estradas transitadas por peóns ou pavimentar camiños en mal estado son algunhas das obras do Plan Único obras destinadas a mellorar os servizos básicos nos concellos rurais da provincia.

Dende a súa creación en 2017, o Plan Único permite aos concellos unha flexibilidade total á hora de investir os fondos que lles asigna a Deputación. "En lugar de propoñer unhas axudas específicas, a Deputación permite aos concellos escoller as súas prioridades", explicou o presidente provincial, Valentín González Formoso, que sinalou que a institución "xoga un papel fundamental para axudar aos concellos a ofrecer máis e mellores servizos públicos fundamentais, financiando obras que moitas veces os municipios rurais non poderían acometer por si mesmos".

Neste sentido, o Plan Único permite paliar a carencia de axudas específicas para servizos que os concellos están obrigados a subministrar, coma as redes de sumidoiros ou o acceso aos núcleos de poboación, permitíndolles aos municipios destinar os fondos que estimen necesarios a estas actuacións

Na zona da Coruña e As Mariñas foron doce os concellos que decidiron destinar a totalidade dos investimentos do Plan Único de 2018 á mellora das súas infraestruturas viarias e redes de abastecemento e saneamento, unha elección que amosa a necesidade de financiamento para estes servizos básicos. Este foi o caso de Miño, pero tamén de Aranga, Arteixo, Bergondo, Carral, A Coruña, Curtis, Oza-Cesuras, Paderne, Sobrado e Vilasantar

6,5 millóns para servizos básicos na comarca da Coruña e As Mariñas

O Plan Único da Deputación destinou en 2018 un total de 6,5 millóns de euros para realizar 59 obras de mellora de camiños municipais e das redes de saneamento e abastecemento de auga nos concellos da comarca da Coruña e As Mariñas.

Este tipo de investimentos foron os máis solicitados polos concellos desta zona, dentro do novo plan provincial. Dos 19,2 millóns de euros que destina o Plan Único á comarca en 2018, as obras de pavimentación, acondicionamento de camiños e saneamento supoñen unha porcentaxe de preto do 32%.

En canto a número de obras, a porcentaxe é aínda máis elevada, xa que das 79 obras que se executan na comarca con cargo ao POS+2018, 59 (o 75%) pertencen a estas categorías.

Páxinas suxeridas