Estás en:Novas

A Deputación leva a Carballo a exposición de caricaturas de Siro López sobre os 40 anos da Constitución

A mostra itinerante, que está a percorrer diversos concellos da provincia, recala no Pazo da Cultura da localidade

A través de 117 caricaturas, Siro lembra algúns dos episodios máis destacables da Transición española, dende a morte de Franco ata a vitoria do PSOE nas eleccións xerais de 1982

A Deputación leva a Carballo a exposición de caricaturas de Siro López sobre os 40 anos da Constitución

A Deputación da Coruña súmase ás conmemoracións do 40 aniversario da Constitución coa organización dunha exposición de caricaturas nas que o artista ferrolán Siro López recolle a súa particular visión acerca dalgúns dos episodios máis destacables da Transición española, dende a morte de Franco ata a vitoria do Partido Socialista nas eleccións xerais de 1982.

A mostra, composta por 117 debuxos acompañados de textos explicativos do contexto histórico de cada un deles, estará aberta ao público no Pazo da Cultura de Carballo a partir de mañá xoves, 17 de xaneiro.

O camiño á democracia

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, afirmou que "o lapis de Siro debuxou con mestría os principais avatares sociais e políticos dunha España que camiñaba inexorablemente cara á democracia. Un camiño que non estivo exento de atrancos e dificultades, que requiriu de xenerosidade, vontade, unidade e altura de miras para restablecer a convivencia e construír un futuro mellor para todos. O Camiño á Constitución, como reza o título desta exposición, que é –en definitiva- o camiño á democracia".

"Se unha imaxe vale máis que mil palabras, os debuxo de Siro poden retratar mellor que moitas crónicas da época aos personaxes que protagonizaron estes anos, un dos períodos máis convulsos e apaixonantes da nosa historia recente", sostivo o presidente da Deputación da Coruña.

Entre os protagonistas da mostra figuran personaxes relevantes da época da Transición coma o Rey Juan Carlos, Adolfo Suárez, Calvo Sotelo, Felipe González, Santiago Carrillo, Manuel Fraga Iribarne, Xerardo Fernández Albor ou Francisco Vázquez.

Tras o seu paso pola Coruña, Cee, Ribeira e Santiago de Compostela, a mostra recala agora en Carballo, onde permanecerá ata o vindeiro 3 de febreiro. Completará a súa itinerancia pola provincia no Centro Torrente Ballester de Ferrol, onde se exhibirá do 7 ao 24 de febreiro.

Páxinas suxeridas