Estás en:Novas

A Deputación da Coruña reafirma o compromiso cos Servizos Sociocomunitarios Municipais cun orzamento de sete millóns de euros

A Deputación da Coruña reafirma o compromiso cos Servizos Sociocomunitarios Municipais cun orzamento de sete millóns de euros

A área de Benestar Social e Igualdade da Deputación da Coruña volve apostar polo apoio aos Servizos Sociocomunitarios Municipais cunha liña de financiamento dotada con sete millóns de euros. Con esta liña apoiase o programa social de 82 concellos de menos de 20.000 habitantes.

Un total de 6.921.085 € é o orzamento co que a área de Benestar Social e Igualdade da Deputación da Coruña dota unha nova edición do Programa de Financiamento dos Servizos Sociocomunitarios Municipais co que os concellos contratarán persoal técnico para a área de servizos sociais. O prazo para presentar solicitudes remata o día 15 de febreiro ás 14:00.

O programa ten como obxectivo asistir económica, técnica e xuridicamente, aos 82 concellos e corporacións municipais da provincia de menos de 20.000 habitantes. O novo plan de financiamento, do que ademais de concellos poderán ser beneficiarias as mancomunidades intermunicipais, as agrupacións e as fusións que constitúan entidades instrumentais dos concellos que exerzan competencias delegadas por estes, contará cun orzamento de 6.921.085,91 euros para o ano 2019, confirmándose o incremento de case tres millóns de euros con respecto á partida consignada no exercicio de 2017.

"Con importante incremento experimentado o pasado ano quixemos reforzar as ferramentas e os recursos dos concellos para que podan promover as áreas de servizos sociais, fundamentais para acompañar ás persoas que máis o precisan", sinala a deputada de Benestar Social e Igualdade, Ánxela Franco arredor dun cambio substancial nas axudas que supuxo, entre outras cousas, que os concellos puidesen contratar persoal técnico auxiliar administrativo o que supuxo unha mellora nos servizos permitindo que os profesionais de servizos sociais se puidesen central no seu ámbito específico de traballo.

O incremento do pasado ano supuxo que un total de 279 profesionais -157 técnicas e 122 persoas do Servizo Asistencia no Fogar- pasaran a ser retribuídas directamente a través deste programa. "O cambio supuxo ofrecer un trato igualitario ás persoas independentemente dos concellos, achegando servizos a veciñanza e diminuíndo as diferenzas nun dos servizos máis importantes e necesarios", explica Ánxela Franco. O programa aposta tamén, porque as persoas "profesionais dos Servizos Sociais dos concellos teñan unhas condicións laborais dignas e un salario xusto e axeitado".

Páxinas suxeridas