Estás en:Novas

O Plan Único da Deputación inviste 229.523 euros na pavimentación de camiños e pistas municipais en Aranga

As obras, que veñen de saír a licitación, permitirán mellorar 17 estradas e camiños rurais da localidade en cinco das seis parroquias da localidade

O Plan Único destinou o ano pasado 6,1 millóns para financiar obras de mellora de servizos básicos (pavimentación e saneamento) nos concellos da comarca coruñesa

O Plan Único da Deputación inviste 229.523  euros na pavimentación de camiños e pistas municipais en Aranga

O Plan Único (POS+2018) da Deputación da Coruña investirá 229.523,38 euros para financiar obras de pavimentación e mellora en varios quilómetros de camiños, pistas e estradas de titularidade municipal no termo municipal de Aranga. Este investimento inclúe unha achega municipal de 4.330 euros.

As obras, englobadas en tres proxectos que veñen de saír a licitación na Plataforma de Contratación do Estado, contemplan traballos de roza da maleza, limpeza e construción de gabias, reparación de fochas, explanación, mellora de sinalización e pavimentación con grava e tratamento asfáltico en 17 estradas e camiños rurais da localidade.

Os camiños onde se executarán as obras serán: o acceso a Fragachá, o acceso aos Edreiros e as pistas de Corda, Couce-Negrelle (parroquia de Cambás) , camiños de Portoscalvos a Tagrallía, Mato a Barullo, de Mato ao local social de Vexo, a estrada a Portoscalvos e o acceso a Arquega (parroquias de Fervenzas e Muniferral) e camiños de Soutullo-Montemea, apeadoiro-Nacional VI, Penelas-Pereira, Pereira-Cambas, Cazuin-Flores, accesos a Caropa e Maques e núcleo de Montemea (parroquias de Aranga e Feás).

Aumentar as redes de abastecemento de augas, dotar de saneamento a núcleos rurais que carecen del, crear beirarrúas en estradas transitadas por peóns ou pavimentar camiños en mal estado son algunhas das obras do Plan Único obras destinadas a mellorar os servizos básicos nos concellos rurais da provincia.

Dende a súa creación en 2017, o Plan Único permite aos concellos unha flexibilidade total á hora de investir os fondos que lles asigna a Deputación. "En lugar de propoñer unhas axudas específicas, a Deputación permite aos concellos escoller as súas prioridades", explicou o presidente provincial, Valentín González Formoso, que sinalou que a institución "xoga un papel fundamental para axudar aos concellos a ofrecer máis e mellores servizos públicos fundamentais, financiando obras que moitas veces os municipios rurais non poderían acometer por si mesmos".

Neste sentido, o Plan Único permite paliar a carencia de axudas específicas para servizos que os concellos están obrigados a subministrar, coma as redes de sumidoiros ou o acceso aos núcleos de poboación, permitíndolles aos municipios destinar os fondos que estimen necesarios a estas actuacións

Na zona da Coruña e As Mariñas foron doce os concellos que decidiron destinar a totalidade dos investimentos do Plan Único de 2018 á mellora das súas infraestruturas viarias e redes de abastecemento e saneamento, unha elección que amosa a necesidade de financiamento para estes servizos básicos. Este foi o caso de Aranga, pero tamén de Arteixo, Bergondo, Carral, A Coruña, Curtis, Miño, Oza-Cesuras, Paderne, Sobrado e Vilasantar

6,5 millóns para servizos básicos na comarca da Coruña e As Mariñas

O Plan Único da Deputación destinou en 2018 un total de 6,5 millóns de euros para realizar 59 obras de mellora de camiños municipais e das redes de saneamento e abastecemento de auga nos concellos da comarca da Coruña e As Mariñas.

Este tipo de investimentos foron os máis solicitados polos concellos desta zona, dentro do novo plan provincial. Dos 19,2 millóns de euros que destina o Plan Único á comarca en 2018, as obras de pavimentación, acondicionamento de camiños e saneamento supoñen unha porcentaxe de preto do 32%.

En canto a número de obras, a porcentaxe é aínda máis elevada, xa que das 79 obras que se executan na comarca con cargo ao POS+2018, 59 (o 75%) pertencen a estas categorías.

Páxinas suxeridas