Estás en:Novas

O proxecto de Xeoparque de Ortegal e o Gran Fondo do Ézaro, protagonistas da presenza da Deputación en Fitur

A Deputación aproveitará a presenza de axentes públicos e privados para buscar sinerxias e afondar na presentación internacional do proxecto do Xeoparque de Ortegal co obxectivo de lograr a declaración por parte da UNESCO

O Gran Fondo do Ézaro centrará mañá a presentación da Deputación na principal feira de turismo de España

O proxecto de Xeoparque de Ortegal e o Gran Fondo do Ézaro, protagonistas da presenza da Deputación en Fitur

A Deputación da Coruña desenvolverá na Feira Internacional de Turismo (FITUR) un intenso programa de contactos co fin de afianzar o proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal con axentes privados e públicos do sector.

Segundo explicou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, a delegación da institución provincial que encabeza o deputado da área de Turismo, Xosé Regueira, manterá diversos encontros con representantes do Comité Nacional Español Xeoparques Mundiais da Unesco e con direccións doutros xeoparques do territorio nacional durante a celebración da Feira Internacional de Turismo (FITUR), que se desenvolve en Madrid dende mañá ata o 27 de xaneiro.

"Dende a Deputación queremos promocionar este proxecto a nivel nacional e internacional e reforzar as sinerxias con outros xeoparques existentes en España. Un camiño no que a área de Turismo xa está traballando con intensidade dende hai tempo con encontros con representantes doutros xeoparques a nivel estatal e que esperamos poder consolidar en Fitur para lograr que a Unesco avale a nosa candidatura e declare o Xeoparque de Ortegal", afirmou González Formoso, que destacou ademais "a implicación total" dos sete concellos da zona que participan do proxecto.

No mesmo sentido pronunciouse o deputado de Turismo, Xosé Regueira, que explicou que "unha das claves para o éxito do proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal está na súa difusión e en dar a coñecer as súas fortalezas diante dos axentes internacionais implicados e, neste sentido, Fitur é unha extraordinaria oportunidade para establecer eses contactos de especial relevancia neste proceso", afirmou.

Neste sentido, xa desde o inicio do programa da feira, inclúense distintos actos que teñen como protagonista a difusión do proxecto do Cabo Ortegal cun encontro o mércores no espazo da Rede Europea de Xeoparques e unha presentación das experiencias xeoturísticas nos Xeoparques Mundiais Unesco no posto de Euskadi en que participarán representantes dos distintos proxectos do Estado español.

En Fitur, Xosé Regueira afondará tamén no contacto coa dirección do Xeoparque Costa Vasca, sen dúbida o que, polas súas características, maior relación ten co proxecto galego e co que a Deputación da Coruña iniciou xa o coñecemento con reunións bilaterais tanto en Ortegal como no propio territorio do xeoparque vasco. No marco da feira difundirase tamén o novo material promocional do proxecto do Xeoparque Cabo Ortegal no que se destaca a riqueza do patrimonio xeolóxico do territorio en que conflúe o Atlántico co Cantábrico e do que participan os concellos de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, San Sadurniño, Ortigueira e Valdoviño.

Catro rutas para a promoción do territorio

A declaración de Xeoparque Mundial, que outorga a Unesco, ten como obxectivo a conservación e divulgación de territorios que posúen un patrimonio xeolóxico singular e unha gran riqueza etnográfica, ecolóxica e cultural que pretenden poñer en valor para lograr un desenvolvemento local integral. No caso do Cabo Ortegal, son 580 km2, que en Fitur se promocionarán a través de catro rutas para coñecer o seu patrimonio xeolóxico, unha a que vai pola costa Ártabra desde a punta Frouxeira á falla de Valdoviño, outra que atravesa o interior de Ortegal desde as canteiras de Anfibol ás minas de Piquito e a Barqueira, a terceira de Cedeira a Cariño aos pés da Serra da Capelada e, finalmente, unha cuarta que sae da Costa de Ortigueira e Loiba en dirección a Estaca de Bares.

"Temos confianza plena na potencialidade do territorio do Cabo Ortegal que encadra o proxecto do parque para o que xa se deron importantes pasos na consolidación dunha iniciativa que conta cunha especial unión dos concellos que camiñan na mesma dirección, algo de especial interese á hora de chegar ao obxectivo que promovemos desde a Deputación da Coruña", destaca Xosé Regueira que afondou nesta primeira etapa nos contactos exteriores con distintas entidades de interese como o GeoParc de Catalunya Central ou o Xeoparque da Costa Vasca de quen xa entablou coñecemento das súas directivas coas que se encontrará de novo en Fitur.

Gran Fondo Ézaro

Ademais da promoción do proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal, a Deputación da Coruña participará en Fitur en distintos actos e encontros, de maneira especial, con representantes do sector turístico tanto privados como públicos e con axentes destacados na promoción como medios de comunicación especializados, en especial, revistas, portais dixitais e e programas televisivos de viaxes e turísticas.

O Gran Fondo Ézaro é tamén protagonista da presenza oficial da Deputación da Coruña en Fitur cun acto de presentación que terá lugar mañá mércores ás 13.30 horas no pavillón de Galicia en Fitur e no que se en que se fará fincapé no atractivo deste evento, que destaca pola súa gran repercusión turística e deportiva, recoñecido xa como un evento dinamizador da comarca.

"O Gran Fondo Ézaro é un evento deportivo que combina ciclismo e turismo, que se orixina en 2012 cando a Volta Ciclista a España descobre o gran potencial do enclave. Desde entón, celébrase todos os anos a principios de xullo para reforzar a tempada alta. É un percorrido en bicicleta de 170 quilómetros, que ten a súa orixe no Ézaro, segue polos concellos de Cee, Muxía, Carnota, Muros e Mazaricos, e culmina no punto de partida", explica o deputado provincial e alcalde de Dumbría, José Manuel Pequeño Castro, que mañá participará na presentación xunto a Xosé Regueira e a destacadas figuras do mundo do ciclismo .

A proba conta xa con 1.500 inscritos, que a converten na proba ciclista con maior número de participantes de Galicia e unha das máis grandes de España.

A Deputación aproveitará tamén a súa presenza en Fitur ademais para difundir os seus xeodestinos que son o eixo da estratexia de promoción do territorio. Ferrolterra, A Coruña e As Mariñas, Costa da Morte, Terras de Santiago, Ría de Muros e Noia e Ría de Arousa Norte presentaranse con materiais promocionais específicos que poñen de relevo os principais recursos naturais, culturais, patrimoniais e gastronómicos de cada xeodestino.

O deputado de Turismo, Xosé Regueira, asistirá tamén a outros actos dentro do programa de Fitur como a presentación da asociación e Turismo da Costa da Morte, CMAT, e as dedicadas a Ferrol ou Ortigueira.

Páxinas suxeridas