Estás en:Novas

A Deputación destina 200.000 euros para apoiar ás entidades que traballan na conservación do medio ambiente


As subvencións, para actividades e investimentos, oscilarán entre os 1.000 e os 25.000 euros

González Formoso destaca "o papel fundamental" que as asociacións ecoloxistas e de protección da natureza desenvolven na preservación do medio natural

A Deputación destina 200.000 euros para apoiar ás entidades que traballan na conservación do medio ambiente

A Deputación da Coruña destina este ano 200.000 euros para apoiar ás entidades sen ánimo de lucro da provincia que traballan no ámbito da conservación e protección do medio ambiente.

O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe as bases deste programa de subvencións, que este ano contará con dúas liñas, dotadas cada unha delas cun orzamento de 100.000 euros, destinadas ao financiamento de investimentos e actividades no ámbito do medio ambiente durante o ano 2019.

"Programas de voluntariado ambiental, iniciativas de difusión e sensibilización, accións de posta en valor dos recursos naturais ou de conservación do medio ambiente son algunhas das actividades que pretendemos apoiar na Deputación con esta convocatoria", explicou o presidente da institución provincial, Valentín González Formoso, que destacou "o papel fundamental que as asociacións ecoloxistas e de protección da natureza desenvolven na preservación do medio natural" e que "deben contar co apoio das administracións públicas".

A Deputación incrementa este ano o orzamento total deste programa de axudas, creado por primeira vez o ano pasado, e tras varias reunións con colectivos realizou diversas modificacións nas bases para adecualas ás necesidades do sector co obxectivo de facelas máis útiles.

Así, por exemplo, increméntase de 20.000 a 25.000 euros a subvención máxima que a Deputación poderá conceder dentro deste programa de axudas e diminúese ao mesmo tempo o importe mínimo de 5.000 a 1.000 euros, o que dará máis facilidades para que proxectos máis pequenos podan contar co apoio económico da Deputación.

As axudas están destinadas a entidades sen ánimo de lucro con máis de dous anos de antigüidade, inscritas no 'Rexistro de Entidades de Carácter Ambiental da Comunidade Autónoma de Galicia' ou que teñan entre os seus obxectivos estatutarios a defensa do medio ambiente, que teñan domicilio social ou oficina permamente nalgún concello coruñés e cuxa actividade se desenvolva no territorio da provincia.

As subvencións, que serán compatibles con outras axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera administración ou ente público ou privado, poderán destinarse á adquisición de material para actividades, servizos de difusión de actividades, desprazamentos de voluntarios ou ponentes, adquiscición de aplicacións informáticas, maquinaria ou útiles, entre outras cuestións.

Tamén se buscará a difusión e sensibilización ambiental, cofinanciando accións de promoción do coñecemento do medio ambiente na provincia da Coruña. En concreto, todas aquelas accións que teñan que ver coa sensibilización sobre cambio climático, as boas prácticas ambientais, o uso da auga e da enerxía ou o consumo responsable, entre outras cuestións.