Estás en:Novas

A Deputación da Coruña organiza unha feira e un programa de encontros con artistas do mundo da ilustración

A Deputación da Coruña organiza unha feira e un programa de encontros con artistas do mundo da ilustración

Artistas, público, editoriais, institucións e librarías daranse cita a vindeira fin de semana na Feira de Edición e Libro Ilustrado (FëLiiC) e os encontros Open Miic que a Deputación da Coruña organiza como actividades paralelas á Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea que está aberta na sede de Afundación, Obra Social Abanca, de Santiago de Compostela . Neste mesmo espazo tivo lugar esta mañá a presentación do programa coa presenza da vicepresidenta da Deputación e deputada de Cultura, Goretti Sanmartín Rei, a comisaria Matilde Rodríguez e a responsábel da sede de Afundación, Ana Salgado.

A vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín Rei, destacou que tanto a feira como o encontro facilitarán "xuntar no mesmo espazo artistas e público, algo que non acontece habitualmente" e destacou a vontade de "facer visíbel" a autoría da ilustración, o que poucas veces acontece. Desta maneira, tanto a feira como encontros facilitará que algúns dos nomes fundamentais da ilustración e a banda deseñada como son María Hesse, Helena Pérez García, Luísa Rivera, Malota, Bestiola e a gañadora e gañador dos Premios Castelao da Deputación da Coruña, Eva Lema e Oliver Añón falen do seu traballo e conversen co público ao que convidan a asistir a estes dous eventos que terán lugar na planta baixa de Afundación.

"Resultaría moi raro que alguén merque un libro sen saber quen o escribiu ou unha editorial faga unha publicación sen destacar o nome da autora ou autor do texto literario. En cambio, no caso da ilustración, autores e autoras aínda teñen que esixir a súa presenza, recuperar o seu espazo de autoría, e este é tamén un obxectivo destas iniciativas", destacou Goretti Sanmartín Rei que participará na Feira nunha mesa redonda arredor do Premio Castelao de Banda Deseñada da Deputación da Coruña, con Bea Lema e Oliver Añón, que gañaron as últimas edicións da convocatoria. Así mesmo, Goretti Sanmartín destacou a participación de tres librarías na Feira -Númax, Lila de Lilith e Pedreira- que participarán no programa canda outras iniciativas editoriais e culturais arredor do libro ilustrado.

Pola súa parte, a coordinadora Matilde Rodríguez, organizadora tamén da mostra que chega agora a súa segunda edición, destacou o alto nivel e o interese de artistas e propostas que participarán tanto nos encontros como nas mesas redondas da feira. Destacou tamén o alto número de mulleres que, como Malota ou Anair Rodríguez, falarán das distintas propostas da edición de libro ilustrado desde o feminismo. Matilde Rodríguez convidou a participar nas actividades que achegarán as obras na palabra das súas autoras. "Será unha boa oportunidade para atoparse coas artistas e que sexan elas quen nos acheguen a súa propia obra", explicou.

No acto interveu tamén a coordinadora da Sede en Santiago de Afundación, a Obra Social ABANCA, Ana Salgado, que destacou o interese que está a despertar a exposición que xa foi vista por máis de 2.800 visitantes e agardou éxito tamén para os encontros que se celebrarán na planta baixa do edificio situado na Rúa do Vilar de Santiago de Compostela.

Programa

FëLiiC, Feira de Edición e Libro Ilustrado

Sábado 26 de xaneiro. 11.00 a 14.00 e 16.00 a 21.00 h

Charlas e mesas de debate

11.00 h | «Premios Castelao de Banda Deseñada. A importancia do apoio institucional á edición de proxectos ilustrados». Interveñen: Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación da Coruña; Bea Lema, autora de O Corpo de Cristo; Oliver Añón Lema, autor de Cancións para afundir flores no mar.

12.00 h | Firma de libros: Oliver Añón Lema

16.00 h | «Literatura ilustrada. O auxe das reedicións de clásicos universais da literatura en formato ilustrado». Interveñen: Luísa Rivera, ilustradora de Cien Años de Soledad; Helena Pérez García, ilustradora de Orlando; Gemma Sesar, editora de El Patito Editorial. Modera: Chus Costoia Garea de Libraría Pedreira.

18.00 h | «Novas temáticas: Feminismo ilustrado. Editoriais e artistas que apostan pola ilustración como medio de concienciación da igualdade de xénero». Interveñen: Malota, ilustradora do libro Un paseo por la vida de Simon de Beauvoir; María Hesse, autora de Frida Kahlo. Una biografía; Anaír Rodríguez, editora en Edicións Xerais e autora de «Pioneiras». Modera: Monse Vilar Figueirido de Libraría Lila de Lilith.

20.00 h | «A edición como ferramenta de creación. Formatos alternativos: autoedición, series limitadas, libro-obxecto, etc». Interveñen: Manuel Barreiro, director do Fun Fun Fun; María Álvarez, do Colectivo Miñoco e Autobán. Postos presentes na feira Libraría Numax Libraría Pedreira Libraría Lila de Lilith Editorial Nobrow Colectivo Miñoco

Open MiiC

Venres 25 de xaneiro. 19.00 h | Encontro 1 con Héctor Francesch, Luisa Rivera, Malota e Bestiola.

Sábado 26 de xaneiro. 12.30 h | Encontro 2 con María Hesse e Bea Lema.

Domingo 27 de xaneiro. 17.00 h | Encontro 3 con Helena Pérez García, LaraLars e Iria Fafián.

Páxinas suxeridas