Estás en:Novas

González Formoso destaca que os 8.000 empregos que crearán as fragatas F-110 “amosan o compromiso do Goberno con Ferrol e a súa comarca”

O presidente da Deputación mantivo un encontro coa ministra de Defensa, Margarita Robles, e ofreceu a colaboración da institución provincial para impulsar accións formativas que permitan que tanto Navantia coma as empresas auxiliares da zona poidan incorporar novos traballadores que conten cos perfís profesionais axeitados

Formoso sinala que a construción das F-110 supón "unha oportunidade histórica e un reto" para o sector naval da zona, xa que abrirá as portas "a conseguir novos contratos noutros países"

González Formoso destaca que os 8.000 empregos que crearán as fragatas F-110 “amosan o compromiso do Goberno con Ferrol e a súa comarca”

A Deputación da Coruña considera "unha excelente nova" para as comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal o inminente inicio da construción de cinco fragatas F-110 en Navantia, que suporán un importante investimento de 4.325 millóns de euros e a creación de 8.000 postos de traballo.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, que esta fin de semana mantivo unha reunión no Parador de Ferrol coa ministra de Defensa, Margarita Robles, destacou que "estas cifras avalan o compromiso do Goberno de España con Ferrol e a súa comarca, xa que nos permitirán crear arredor de 8.000 empregos e ter carga de traballo para Navantia durante unha década".

Unha "oportunidade histórica" para Ferrol

"Trátase dunha oportunidade histórica para a comarca de Ferrol e tamén dun reto; pois estes buques supoñen o futuro da Armada e incorporarán tecnoloxía de vangarda, o que nos vai  permitir facer un estaleiro máis innovador, moderno e competitivo. Un estaleiro do século XXI que nos abra a posibilidade de conseguir novos contratos para outros países. Porque se algo sabemos facer ben en Ferrol é construír barcos", sinalou González Formoso tras o encontro coa ministra Robles.

González Formoso ofreceulle á ministra a colaboración da Deputación para -aproveitando a ampla experiencia acumulada no Plan de emprego local (PEL) da institución provincial- impulsar na zona unha serie de accións formativas específicas que contribúan a que tanto Navantia coma as numerosas empresas auxiliares da zona poida incorporar novos traballadores que conten cos perfís profesionais, algúns deles de alta cualificación, que se adapten ás necesidades das empresas para acometer este proxecto.

Neste sentido, o presidente da Deputación da Coruña reunirase proximamente Madrid coa presidenta de Navantia, Susana de Sarriá, a quen trasladará esta proposta e a vontade de colaboración da institución provincial en calquera proxecto ou iniciativa que poida ser de utilidade para que a construción das fragatas F-110 supoña "un camiño de futuro para a construción naval en Ferrol".