Estás en:Novas

Goretti Sanmartín apoia a Asociación Crea e completa a rolda de xuntanzas con entidades do audiovisual

Goretti Sanmartín apoia a Asociación Crea e completa a rolda de xuntanzas con entidades do audiovisual

A vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña reuniuse esta mañá con Pablo Fontenla, membro da directiva de Crea, Asociación de profesionais da dirección e da realización de Galicia, co que pechou a rolda de encontros con entidades do audiovisual. Deputación e Crea colaborarán en iniciativas de difusión e formación do sector.

Na reunión que mantiveron Goretti Sanmartín e Pablo Fontenla estudáronse diversas vías de colaboración da Deputación da Coruña con Crea, de maneira especial, para o desenvolvemento de actividades e iniciativas de difusión e formación audiovisual no noso país.

En concreto, analizáronse ámbitos de posíbel apoio como a actualización da páxina web da entidade e o apoio a actividades formativas, en ambos casos, a través das convocatorias de axudas en concorrencia competitiva que teñen na actualidade o prazo aberto -até o vindeiro 15 de febreiro- e a través das que se está a colaborar con entidades da área e tamén con asociacións profesionais do mundo da cultura.

Con esta xuntanza, Goretti Sanmartín completa a rolda de xuntanzas con todas as entidades e asociacións do audiovisual galego co fin de pulsar a opinión do sector, estudar a situación na que se atopa e avaliar as posibles vías de colaboración de cara o futuro. "O encontro coas entidades profesionais do sector foi, desde o inicio, un eixo fundamental á hora de elaborar o mapa de acción da área de Cultura, co encontro con representantes dos distintos ámbitos, co coñecemento das urxencias e necesidades e tamén das fortalezas foise completando unha xestión cultural que está a ter recoñecemento en todas as disciplinas artísticas e tamén nas industrias e entidades do mundo da cultura", sinala Goretti Sanmartín despois da reunión.

A xuntanza con Crea prodúcese poucos días despois de que Goretti Sanmartín recibise na Deputación da Coruña a membros da directiva da recentemente creada Coordinadora de Festivais Audiovisuais, Proxecta, que se suma a contactos e reunións periódicas que con anterioridade mantivo coa Academia Galega do Audiovisual, Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Asociación Galega de Guionistas ou Asociación Galega de Produtoras Independentes, Agapi.

Na reunión, analizouse tamén o apoio da Deputación da Coruña ao sector audiovisual para o que o pasado ano destinou un total de 600.000 € en liñas como a de festivais do sector, apoio a asociación, apoio a distribución de produtos en galego e a difusión a través do apartado "Visións" da Rede Galega ou apoio á produción por medio da convocatoria de proxectos de especial interese cultural.

Páxinas suxeridas