Estás en:Novas

A Deputación da Coruña formulará accións para avanzar en igualdade desde os concellos

A Deputación da Coruña formulará accións para avanzar en igualdade desde os concellos

A deputada Ánxela Franco participa nunha rolda de foros polo territorio en que está a difundir o Plan de acción de igualdade, Compartimos Plan, como fase previa á formulación e priorización de accións. Este mércores participou nunha reunión na comarca da Coruña, mañá xoves están convocadas en Betanzos e Ordes e o venres na comarca de Santiago.

Arredor de corenta persoas, fundamentalmente persoal técnico das áreas municipais da comarca, participaron este mércores na xuntanza que se desenvolveu no CIM da Coruña con obxecto de avaliar o Plan de acción de igualdade elaborado pola Deputación da Coruña. O plan é o resultado dunha fase de diagnose a través da que se detectaron as necesidades en materia de igualdade a nivel local e provincial e se fixo unha compilación de información sobre os programas, servizos e recursos existentes en todo o territorio.

"Despois desta fase de estudo e diagnóstico en que se detectaron as principais urxencias estamos agora debatendo de novo no territorio as posibilidade de acción e, especialmente, a súa formulación e a súa priorización", explica Ánxela Franco que avanza que, despois do traballo desenvolvido é necesario sinalar que "queda aínda moito por facer en materia de igualdade e as institucións teñen que mostrar un compromiso decidido para contribuír a cambiar as cousas e a traballar conxuntamente cun obxectivo común que é a eliminación da desigualdade e a violencia contra as mulleres".

A deputada Ánxela Franco participou esta maña no encontro con persoal técnico e político da comarca da Coruña dentro da serie de xuntanza que está a desenvolver a través de toda a provincia e que continuarán este xoves en Betanzos e Ordes e o venres en Santiago Estes novos encontros co persoal dos concellos forman parte dunha nova fase en que o proxecto Compartimos plan se desenvolve no territorio, despois dunha etapa previa de carácter informativo en que se presentou o proxecto e unha segunda fase de diagnose en que se detectaron as necesidades en materia de igualdade.

"Con esta nova etapa volvemos ao territorio para poñer en común dos resultados do estudo previo e chegar a conclusións de cara a establecer as accións que son máis urxentes para traballar pola igualdade", explica Ánxela Franco dun proceso participativo en que se implicou todos os axentes que están a intervir no ámbito da igualdade co obxectivo de dotar o traballo dunha ferramenta que amplíe os resultados de cara a unha sociedade máis igualitaria. A deputada destacou o alto número de persoas que están a participar nesta nova xeira e lembrou que na anterior fase a cifra de participación acadou as cincocentas persoas.

"Trátase, polo tanto, do último tramo do proxecto Compartimos plan, Diagnose e Plan de acción das políticas de igualdade de xénero e loita contra a violencia na Coruña que está a chegar ao final do proceso de elaboración para iniciar, coa suma de vontades poñernos en acción para dar unha volta á situación de cara construír un futuro igualitario", explica Ánxela Franco.

A estes foros, ademais do persoal técnico e político das Administracións Locais, así como doutras administracións e o persoal do tecido asociativo que xa viñeron participando ao longo de todo o proceso participativo, sumáronse tamén algunhas persoas a título individual e do tecido empresarial. As principais demandas das diferentes persoas participantes manifestadas ata o momento relativas ás administración locais xiran en torno á elaboración dun plan de formación en igualdade para o persoal técnico e político dos concellos ou a creación dunha liña de axudas para a contratación de axentes de igualdade.

No ámbito do emprego as principais propostas xiran en torno á configuración de itinerarios formativos para mulleres que intentan reincorporarse ao mercado de traballo, e que pasan pola formación pre-laboral, o empoderamento das mulleres e a capacitación profesional.

Por outra banda, as persoas participantes tamén manifestan a necesidade de establecer redes de coordinación e de traballo a nivel comarcal para a abordaxe da violencia de xénero, mellorando así a resposta institucional que as distintas administracións están a dar a esta problemática. Os seguintes e últimos foros para a formulación e a priorización de propostas terán lugar os días 24 e 25 de xaneiro nas Comarcas de Betanzos, Ordes, Santiago e o Sar. Para obter máis información, pode acudirse á páxina web do proxecto (www.compartimosplan.com), ou a través do correo electrónico (info@compartimosplan.com).