Estás en:Novas

Alumnas do IES Moncho Valcárce das Pontes gañan o Concurso de guións contra a violencia de xénero da Deputación da Coruña

O xurado decidiu premiar "Nunca Máis", un texto que xira sobre o empoderamento das mulleres

Alumnas do IES Moncho Valcárce das Pontes gañan o Concurso de guións contra a violencia de xénero da Deputación da Coruña

O empoderamento das mulleres é o tema central do guión "Nunca Máis" é o gañador do V Concurso de Guións contra a violencia de xénero da área de Igualdade da Deputación da Coruña. Un grupo de alumnas do IES Moncho Valcarce das Pontes titorizado pola profesora Diana Aradas Blanco son as autoras da obra premiada.

O xurado decidiu, por unanimidade, escoller o traballo presentado co título de "Nunca máis" como gañador do V Concurso de Guións contra a violencia de xénero que convoca a área de Igualdade e Servizos Sociais da Deputación da Coruña. A obra foi presentada por un grupo de cinco alumnas do IES Moncho Valcarce das Pontes de García Rodríguez titorizadas pola profesora Diana Aradas Blanco. As alumnas que elaboraron o guión son Fátima Hakoumi Bensaak, Ana Caaveiro da Costa, Aline Andreina dos Santos Ferreira, Aroa Fernández Freire e Leticia Alonso Seco.

Entre as razóns que os membros do xurado argumentan para a concesión do premio destacan que é unha obra "tecnicamente perfecta" e constrúe un argumento arredor dunha "mensaxe de empoderamento, en positivo, con roles modernos como fío condutor". Ademais, anotan que é un guión que anuncia un audiovisual "visualmente atractivo".

O xurado estivo composto por Marina Dias Porto Chiavegatto, directora de "A silenciosa revolución da mulleres de Vilasantar" e Rosario Sarmiento Escalona,directora de "Arte+muller+Galicia", as dúas gañadoras do I Concurso Luísa Villalta de proxectos culturais pola igualdade, a Técnica de Servizos sociais da Deputación, Fernanda Soutullo coa deputada de Igualdade, Ánxela Franco como presidenta e Francisco Javier Sardiña como secretario.

Dotado cun premio de 4.000 euros e máis a gravación dun filme baseado no texto gañador, o Concurso de Guións contra a Violencia de Xénero da Deputación da Coruña cumpre xa a súa quinta edición, cos obxectivos de xerar conciencia e reflexión na mocidade sobre o machismo e a violencia de xénero, ademais de procurar fomentar a participación desde o ámbito escolar nunha actividade creativa. "O concurso é unha das moitas iniciativas da Deputación da Coruña que se dirixen á mocidade co fin de concienciar contra a violencia machista e pola igualdade. Neste caso proceso previo que se orixina con debates nos centros de ensino e a elaboración do guión é importante mais tamén a difusión da obra gañadora que se pode usar nos centros de ensino, cunha linguaxe próxima xa que está pensado polo propio alumando", explica a deputada de Igualdade e Servizos Sociais, Ánxela Franco.

O concurso diríxese ás mozas e mozos de entre 12 e 18 anos que cursen Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato ou FP, e ten como pretensión activar o debate e a mobilización da poboación máis nova sobre esta problemática social. Unha reflexión necesaria que se produce ao tempo que desenvolven a súa creatividade coa elaboración dunha peza artística con impacto social.

O pasado ano as gañadoras foron Cristina Orgeira e Amara Fontao, do IES Isaac Díaz Pardo de Sada, que presentaron o guión "Deámoslles voz" do que xa se produciu a curtametraxe que, como as anteriores gañadoras, se difunde nos centros de ensino e está a libre disposición na rede.

Páxinas suxeridas