Estás en:Novas

A Deputación da Coruña leva a Ferrol o Plan de Acción de Servizos Sociais

A Deputación da Coruña leva a Ferrol o Plan de Acción de Servizos Sociais

A deputada de Benestar Social e Igualdade reuniuse coa concelleira de Mocidade, Benestar Social, Igualdade e Muller de Ferrol, Saínza Ruíz, ademais de persoal técnico do concello co fin de poñer en común o Plan de Acción de Servizos Sociais que está a elaborar a Deputación da Coruña. A xuntanza forma parte da rolda de encontros que está a desenvolver de cara á elaboración do Plan de Acción de Servizos Sociais, Rede de Concellos polo Benestar.

A deputada Ánxela Franco xunto coa xefa de sección de Servizos Sociais da Deputación, Carolina Buhigas e o coordinador do Plan de Acción, Manuel Pérez, reuníronse en Ferrol coa concelleira Saínza Ruíz, o Coordinador Técnico de Benestar Javier Pedreira; a Xefa de Sección de Benestar, Laura López e a Coordinadora Técnica de Programas, María Jesús Calvo para analizar conxuntamente o estado dentro do proceso de elaboración do plan da Deputación. No transcurso da xuntanza foron estudadas tamén distintas liñas de colaboración entre a área de Benestar da Deputación e o concello de Ferrol, co obxectivo e mellorar os servizos que é o fin do Plan de Acción en que se está a traballar.

O Plan de Acción de Servizos Sociais "Rede de Concellos para o Benestar" busca coñecer a realidade social dos concellos da Coruña para elaborar no futuro políticas eficientes que optimicen a xestión de recursos. A deputada Ánxela Franco destaca que o plan suporá un antes e despois no ámbito dos servizos sociais xa que permitirá optimizar os recursos existentes no territorio. "Para realizar ben a xestión dos investimentos, debemos coñecer o territorio primeiro", sinala a deputada que está a facer unha segunda rolda de xuntanzas comarcais e nas cidades co obxectivo de "compartir información entre as administracións para que as ferramentas sexan útiles e os recursos cheguen á xente que máis o necesita".

Coñecer a realidade das entidades sociais a nivel local e comarcal, identificar as súas necesidades e as da cidadanía, definir liñas de actuación e cooperación entre entidades públicas e privadas, e avaliar as propostas que acheguen os diferentes axentes do tecido social da provincia son algúns dos obxectivos do Plan de Acción de Servizos Sociais da Deputación da Coruña que conta cun orzamento de 83.000 euros e ten no proceso participativo un dos seus eixos centrais. "Propuxémonos falar con cada un dos concellos, asociacións e entidades sociais para coñecer as súas preocupacións, as necesidades e as fortalezas e é o que levamos facendo xa desde o anuncio do proxecto do plan o pasado mes de marzo. Gabinete de Prensa Deputación da Coruña

Páxinas suxeridas