Estás en:Novas

O Premios Castelao de Banda Deseñada da Deputación da Coruña protagonizan o inicio da Feira de Edición e Libro Ilustrado en Santiago

O Premios Castelao de Banda Deseñada da Deputación da Coruña protagonizan o inicio da Feira de Edición e Libro Ilustrado en Santiago

A vicepresidenta da Deputación e responsábel da área de Cultura, Goretti Sanmartín Rei, participa este sábado día 26 nunha mesa redonda sobre os Premios Castelao de Banda Deseñada na que tamén intervirán Bea Lema e Oliver Añón, que gañaron as dúas últimas edicións. A mesa abre ás 11:00 horas a Feira de Edición e Libro Ilustrado que organiza a Deputación da Coruña en Santiago, no marco da mostra de ilustración que está aberta no edificio de Afundación.

A primeira muller que gaña o Premio Castelao de Banda Deseñada na súa historia, Bea Lema, con O Corpo de Cristo, e o premiado na última edición, Oliver Añón Lema, autor do recentemente publicado Cancións para afundir flores no mar, participan xunto coa vicepresidenta e responsábel de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei, nunha mesa redonda arredor desta convocatoria que abre a Feira de Edición e Libro Ilustrado que se desenvolverá este sábado na sede de Afundación na Rúa do Vilar.

Ao acto seguiralle a sinatura de libros de Oliver Añón nunha mañá en que o Open MiiC, o encontro con autores e autoras, convocará ás 12.30 a María Hesse e Bea Lema. A literatura ilustrada será o tema do primeiro espazo da tarde con Luísa Rivera, ilustradora de Cien Años de Soledad; Helena Pérez García, ilustradora de Orlando; Gemma Sesar, editora de El Patito Editorial. con Chus Costoia Garea de Libraría Pedreira como moderadora, para continuar pola ilustración como medio de concientización para o feminismo con Malota, ilustradora do libro Un paseo por la vida de Simon de Beauvoir; María Hesse, autora de Frida Kahlo. Una biografía; Anaír Rodríguez, editora en Edicións Xerais e autora de Pioneiras, moderadas por Monse Vilar Figueirido de Libraría Lila de Lilith.

A xornada rematará co debate «A edición como ferramenta de creación. Formatos alternativos: autoedición, series limitadas, libro-obxecto, etc». en que participarán Manuel Barreiro, director do Fun Fun Fun; María Álvarez, do Colectivo Miñoco e Autobán. O domingo ás 17:00 terá lugar o encontro con Helena Pérez García, LaraLars e Iria Fafián.

Tanto a Feira de Edición e Libro Ilustrado (FëLiiC) como os encontros Open Miic están organizadas pola Deputación da Coruña e coordinadas por Matilde Rodríguez e son actividades paralelas á Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea que está aberta na sede de Afundación, Obra Social Abanca, de Santiago de Compostela .

A vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín Rei, destacou que tanto a feira como o encontro facilitarán "xuntar no mesmo espazo artistas e público, algo que non acontece habitualmente" e destacou a vontade de "facer visíbel" a autoría da ilustración, o que poucas veces acontece. Na Feira participan tamén as librarías Númax, Lila de Lilith e Pedreira canda outras iniciativas editoriais e culturais arredor do libro ilustrado. 

Páxinas suxeridas